Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A loita contra pobrezas e precariedades

viernes, 23 de marzo de 2012
En España e en Galicia fálase e escríbese agora algo máis dos pobres, dos débiles da sociedade atrapados na carencia económica, permanente ou ocasional, que tamén acumulan outras precariedades. Son os pobres da nosa propia sociedade, non a pobreza afastada e crónica do terceiro mundo que escoitamos e vemos alá lonxe con abundantes discursos, pero insuficientes respostas. A explicación da pobreza próxima aínda está aclarándose: cantos son, quen son e por que se encontran nesta situación?

En España calculábase unha cifra de oito millóns de pobres, aínda que a situación variou dende hai uns anos: xa non sabemos se agora hai 8, 10, 15 ou 20 millóns baixo do limiar da pobreza, permanente ou conxuntural, en precariedade total ou parcial. Dispoñemos dalgúns datos sobre persoas e grupos sociais acantoados na pobreza permanente ou empobrecidos nas actuais circunstancias. Os pobres tradicionais eran os xitanos, os discapacitados, moitas viúvas, caseteiros rurais e un variado grupo de "pobres de solemnidade". Moitos deles desapareceron por mellora, outros seguen aí por inercia de moitas causas e inxustizas. De forma paradoxal, na sociedade urbana da abundancia, da educación profesional e da liberdade, xurdiron novas pobrezas sociais: grupos de inmigrantes desamparados, de parellas separadas, de pais monoparentais, de anciáns solitarios, de nenos con problemas e de mozos enganchados ás drogas e outras graves adiccións.

Ante este avance de pobrezas, ¿que fan as institucións públicas, as minorías sensibilizadas, as familias, a xente en xeral? No meu ámbito urbano, nun radio de 500 metros, podemos encontrarnos cunhas 20 ou 30 persoas que pregan unha axuda ás portas das igrexas, dos supermercados e panadarías de grande afluencia. Convertéronse nos nosos pobres de cada día. En xeral o pobo é respectuoso, compasivo e mesmo xeneroso con estes mendicantes de procedencia variada e multirracial. A familia, malia tantos abaneos, segue sendo a rocha firme de pobres e empobrecidos; e, nunha sociedade de tantas persoas en soidade, os amigos e veciños están suplíndoa en parte. O Estado debe prever e afrontar as emerxencias, sen converterse nun estado de dádivas asistenciais. As súas función esencial neste campo é garantir a educación, a formación profesional e salvagardar todas as obrigas e dereitos derivados do traballo de todos os cidadáns. Os grupos sensibilizados da sociedade civil cumpren un papel moi importante, elaborando e experimentando proxectos para erradicar pobrezas, creando compromisos permanentes en forma de ONGs e voluntariado organizado; non obstante, deben nalgúns casos superar a falta de transparencia e a excesiva dependencia dos gobernos.

Temos constancia tanto do ideario coma da praxe concreta da Igrexa católica a favor dos débiles da sociedade. No plano das ideas, os pobres son o epicentro do evanxeo e dos discursos de todos os estratos da Igrexa. No campo concreto da historia da caridade, a igrexa foi articulando unha serie de organizacións para axuda dos marxinados. Esta historia, por suposto, está chea de contradicións, de discursos vacuos, mais iso non invalida a enorme herdanza de feitos reais positivos e moitas veces admirables.

Se nos centramos no noso momento actual tan problemático, a Igrexa, dende a base ó cumio, sen dúbida que está a facer un esforzo visible por axudar ós pobres tradicionais ou ós emerxentes na nosa sociedade. A cuestión céntrase hoxe en como facer ese traballo sen que entre en contradición con outros signos externos da Igrexa que aínda mostra ostentación de ouropeis, títulos e fachadas que deben desaparecer; e nunha democracia real, eses signos non deben ser copiados nin transferidos a outros grupos ou organizacións sociais.

Se nos achegamos ao traballo das Cáritas Nacional, Rexionais, Diocesanas e Parroquiais, podemos perfilar unha imaxe máis precisa do que a Igrexa, malia as súas divisións e discusións, fai no terreo da acción social. Podemos examinar os estudos, informes e memorias de todas as Cáritas, e ollar as súas luces e sombras. Pero o seu traballo humanitario está aí, puntual, relatado e visible para os que queiran velo sen deformacións. Cáritas talvez pecase historicamente de asistencialismo tranquilizador; pero tamén é certo que dende hai moitos anos as Cáritas trataron non só de dar peixes de emerxencia, senón de buscar e dar moitas canas de pescar: educación integral, formación profesional, busca de empregos e creación de postos de traballo, iniciativas e soporte ás asociacións de base, e un longo etcétera. Nunha palabra, integración social dos atrapados en pobrezas acumuladas.

Por todo iso, sería unha magoa e unha inxustiza que o traballo social de Cáritas e doutras moitas organizacións da Igrexa, labor pouco mediática e non só ocasional senón permanente e constante, quedase silenciado neste intre histórico de España e Galicia, debido a posturas ideolóxicas fragmentadas e parciais ante a nosa crúa realidade social que é responsabilidade de todos os cidadáns, de todas as organizacións sociais e de todos os dirixentes.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES