Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O primeiro Nóvoa Santos

jueves, 22 de marzo de 2012
Asinado polo pediatra e profesor Fernando J. Ponte Hernando e mais o historiador Javier del Valle-Inclán Alsina —un dos nosos mellores documentalistas e intelectual que honra o seu apelido— ve luz a excelente monografía "Roberto Nóvoa Santos. Las primeras páginas", un amplo estudo con escolma de textos de quen foi unha das máis preclaras mentes médicas e sabio pensador das primeiras décadas do século XX.

Impecablemente impresa polo Servizo de Reprografía da Universidade de Santiago e mais Auga Editora (un dos selos galegos recentes de maior interese), esta monografía conta cun breve limiar do prestixioso profesor da Universidade de Boston Thomas F. Glick onde se pon de relevo o labor senlleiro de Nóvoa Santos na implantación da fisiopatoloxía de ideais filosociais e anarquistas, un autor do que o catedrático bostoniano non dubida en destacar a súa obra enciclopédica, na que atopa “toda unha gama representativa de ideas, non só científicas senón tamén sociais”.

De feito, o que Ponte Hernando e Del Valle-Inclán ofrecen é un exhaustivo percorrido polos capítulos biográficos iniciais de Nóvoa Santos (infancia, anos de formación e mocidade) para despois centrarse en cuestións relevantes do pensamento do galeno como os influxos darwinistas e freudianos nos seus textos, a súa aposta sensible pola cuestión social, as súas reflexións sobre a idea de Deus e, sobre todo, o espallamento dos presupostos anarquistas no ambiente cultural e ideolóxico daquel tempo.

O libro remata coa recuperación dunha vintena de artigos publicados por Nóvoa Santos entre 1903 e 1905 baixo o pseudónimo de Pedro Novoakow (ocasionalmente tamén o de Max), textos ata hoxe practicamente descoñecidos, que agardaban pola súa exhumación nas planas de cabeceiras daquela hora como as madrileñas La Revista Blanca, Tierra y Libertad e El Rebelde, a barcelonesa Natura ou o xornal compostelán El Eco de Santiago.

As temáticas destes artigos son variadas, pero poden sintetizarse en cinco liñas principais: os escritos que se ocupan da situación universitaria; os de espallamento dos ideais anarquistas; os de actualidade política; os de implicacións relixiosas e os textos literarios, que adoptan a forma de relatos breves.

Unha nutrida listaxe de fontes documentais consultadas, unha extensa bibliografía final e un detallado índice onomástico dan cabo a este estudo, valiosa contribución para mellor coñecer a figura referencial do doutor Roberto Nóvoa Santos, persoeiro admirable que Fernando J. Ponte Hernando e Javier del Valle-Inclán Alsina revisitan con tanto acerto nesta obra moi oportunamente coeditada pola USC e Auga Editora.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES