Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lugo, cidade do Sacramento

jueves, 22 de marzo de 2012
LUGO CIDADE DO SACRAMENTO

Descoñécese a orixe da exposición do Santísimo que puido aparecer a principios do século XIV

O Bispado, a Deputación e o Concello están interesados en relanzar a vertente relixiosa de Lugo como Cidade do Sacramento, para o que a Deputación asinou recentemente un convenio de colaboración co Bispado para diversas actuacións, como potenciar a festividade do Corpus, restauración dun palio e investigación no arquivo da catedral, entre outras. Por iso quizais conveña achegarnos a algunhas cuestións da historia local relativas ao culto eucarístico na nosa cidade e a importancia que noutras épocas tivo a festividade do Corpus Christi.

Hoxe ímonos a referir á posible orixe desa tradición centenaria de ter na catedral exposto o Santísimo de día e de noite durante todo o ano, a excepción do Xoves e Venres Santo.

Lenda e realidade

Na petición de rendas para o alumado do Santísimo aos reis Felipe V e Fernando VI, xustificábase no feito de que na catedral estaba exposto o Santísimo no altar maior, todas as horas do día e da noite, levando este privilexio a unha antigüidade que historicamente non é posible antes que os mouros posuísen a España, é dicir antes do século VIII, aparecendo nalgún escrito o século V, o cal non é posible porque nesa época a Eucaristía non tiña un culto especial, pois se empeza a desenvolver no século XII.

Jaime Delgado Gómez escribiu sobre esta cuestión que en 1212, Odón, bispo de París oficializa algo que xa se facía anteriormente, a elevación da Sacra Forma tras as palabras da consagración, para mostrala aos fieis. Despois introdúcese o costume de expor e adorar o Sacramento sobre o altar fóra da misa.

A reserva da eucaristía que se tiña nas igrexas para os enfermos e moribundos, pasa dun lugar secundario ao altar maior. En 1264 o Papa Urbano IV institúe a festa do Corpus Christi. A primeira procesión co Santísimo celebrouse en Roma en 1279, e en 1395 introduciuse a exposición permanente do Santísimo. Ao non ter probas concluíntes, poderíase dicir sobre a exposición do Santísimo na catedral de Lugo, que é imposible na Alta Idade media, posible no século XIV e segura a partir de 1534, no retablo maior construído por Cornellis de Holanda. Vexamos algúns dos argumentos que se utilizaron para dar carta de natureza ao chamado privilexio.

As herexías do priscilianismo

Prisciliano crese que naceu na provincia romana da Gallaecia, cara ao 340 na contorna dunha familia senatorial e foi decapitado en Tréveris (Civitas Treverorum) no 385. Rexeitaba a unión da Igrexa co Estado e a corrupción e enriquecemento da xerarquía. Diversos concilios condenan as proposicións priscilianistas. Entre as cuestións polémicas da súa doutrina, relacionadas coa eucaristía, están a recepción das especies eucarísticas na igrexa sen consumilas de inmediato; e substituír a consagración con pan e viño por leite e uvas.

Ao principio acusábase a Prisciliano de afirmar que Cristo non tivo verdadeira carne nin foi crucificado, Despois atribúese ao priscilianismo o feito de converter a súa divindade en carne. A verdade do corpo de Cristo preocupaba no século V, segundo se desprende de dúas cartas de San Agustín. Na 205 dirixida a Consencio, que dubidaba que o corpo de Cristo tivese, logo da resurrección e glorificación, ósos, sangue e contornos carnais, di que o corpo de Cristo é real e non espiritual, con ósos, carne, podendo verse e palparse, e recorda as palabras que o Salvador dixo aos seus discípulos, que dubidaban da súa resurrección e crían ver a un espírito.

Os católicos tiveron que insistir en algo que fose a expresión da humanidade e da divindade de Cristo. O corpo de Cristo era a condenación das dúas herexías que existían na Gallaecia no século IV.

Por iso non debe de estrañar que cando se quixo xustificar a orixe da exposición continua do Santísimo na catedral se dixese que proviña das herexías priscilianistas, que negaban a verdadeira existencia de Xesucristo baixo as especies de pan e viño.

A lenda

Cara ao 713 parece que tivo lugar a primeira incursión dos árabes a Galicia, coa presenza de Muza. A loita contra o infiel, utilizouna a nobreza para lexitimar ou xustificar a orixe lendaria das súas armas. Nun memorial elevado ao rei en 1679 por José Bolaño para solicitar a concesión do título de marqués de Pobóa de Parga, manifesta que “antes que España se perdiere, se tenía en todas las iglesias en general el Santísimo Sacramento descubierto; y después de aquella total destrucción, cuando los pueblos se volvieron a recobrar, en memoria de aquella tan grande pérdida, le tienen cubierto hasta hoy, y como la ciudad de Lugo no fue perdida, por la defensa que la hizo el dueño de la casa de Torés, se quedó con la costumbre que antes había, por cuya memoria está hoy descubierto en la iglesia de dicha ciudad, de día y de noche, su Divina Majestad, y por lo que debe tener de haberlo defendido dicho Diego de Bolaño Ribadeneira, ponen los señores de la fortaleza de Torés, un cáliz con la hostia dentro, sobre la celada del escudo de armas, por el mayor timbre y más superior veneración que ellos tienen y deben de ostentar”.

A iconografía

Dúas son as pezas escultóricas existentes na catedral relacionadas coa eucaristía, que nos serven para demostrar que na época en que se colocaron xa existía a exposición. Unha é o pinjante ou capitel que representa a Última Cea, de cara a 1200, peza procedente de talleres palentinos colocada baixo do Pantocrátor na porta Norte posiblemente no último terzo do século XIII. Nas caras exteriores do ábaco do capitel ten unha inscrición poética en latín da mesma época que alude a San Xoán, o discípulo predilecto do Señor.

A outra é a imaxe de San Capitón que está no coro e que Francisco de Moure copiou da que se fixo en 1320, xa que logo sería contemporánea da colocación do pinjante. Na parte superior dereita aparece representado un altar cunha custodia ou expositor e un candeeiro cunha vela. Quérese ver nesta representación a relación lendaria do primeiro bispo da igrexa lucense coa eucaristía, e que o autor do primitivo relevo copiara o que vía na catedral.
De Abel Vilela, Adolfo
De Abel Vilela, Adolfo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania