Regular a folga
Cardalda, Theo - jueves, 22 de marzo de 2012
DESDE O PREGUNTOIRO
O presidente da CEOE Sr. Rosell saíuse de madre ao comentar que un grupito no puede paralizar un país, e que había que regular o dereito de folga. Eu entendo desde o meu punto de vista que cando falan de regular quere dicir prohibir.
Cando fala de grupito estarase referindo aos banqueiros, digo eu, que son os que realmente paralizaron o país coa súa bosta de produtos derivados: burbullas inmobiliarias, hipotecas
lixo...
Os afectados pola reforma laboral non son un grupito, ¡ son os traballadores de todo o país!; nada di Rosell do grupito do anterior presidente camarada Díaz Ferrán un home que debe liderar o récord Guines na destrución de emprego. É inxusto que un pequeno grupo de privilexiados condenen á miseria a boa parte da humanidade e por riba lle fagan pagar os pratos rotos, isto é intolerable.
Este individuo está usando a demagoxia para boicotear a folga. El non quere negociacións sobre servizos mínimos. Non. Este cabaleiro pretende regular o dereito constitucional da
folga, algo que eu interpreto cando se debe facer folga e cando non, que traballadores teñen ese dereito e quen non o ten. Di que se garanticen os servizos esenciais, o mesmo digo eu, que se
garantice a sanidade, ensino e o dereito ao traballo.
Están a xogar co pan da xente e non se pode tirar da corda cada día que pasa, as cordas chegan a rachar, máis, cando neste país de pandeireta, mantillas e peitas o fillo do gran empresario fala de emprego, o crego de sexo, os milicos de paz e os políticos de cidadanía.
Este pasado domingo cento vinte mil parisienses tomaron a Bastilla. Aínda bo é que ao final do túnel quédanos París.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora