Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Paradores e castelos

miércoles, 21 de marzo de 2012
Así é todo, tivemos boa sorte os vilalbeses en relación co castelo cando hai arredor de corenta e cinco anos deixou de ser unha ruina de pedra e transformarse en Parador Nacional de Turismo. Tivemos boa sorte, e padriño axeitado para conseguir ese fin, no momento en que o Ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga, andaba a crear unha rede nacional de paradores para fomentar un turismo de calidade e fixouse na nosa fortaleza.

Se así non fose, aínda na actualidade podería estar debatíndose o seu destino e a súa compra, como está ocorrendo con fortalezas como a de Pambre ou a torre de Sarria. Que se a de Pambre foi adquirida pola Xunta de Galicia aos seus novos propietarios – unha orde de beneficencia radicada en Vigo – pasou por anos moi escuros con prohibición absoluta de entrar nela e descoñecemento do que alí se estaba facendo.

Na de Sarria, a torre coñecida como “dos Batallón”, resto da vella fortaleza que dominaba a vila, aínda se anda buscando comprador xa que non hai institución que se decida a mercala, e pode caer en mans de particulares se están dispostos a pagar un importe de arredor de dous millóns de euros que para un castelo non é case nada.

O problema destas fortalezas é que logo non se sabe que facer con elas. Porque en tempos estaba moi claro: Unha fortaleza, castelo, torre, mosteiro ou similar, previa a axeitada restauración, pasaba a ser Parador Nacional de Turismo, e así España enteira está ateigada destas instalacións que tanto prestixio deron á nosa infraestructura turística, e da que os vilalbeses sabemos abondo.

Pero hoxe en día non se abren máis paradores, e ai está o tan traido e levado de Muxía, que se pretende constuir de novo como compensación aos danos da traxedia do Prestige, e hai que temer que se retrase ou se anule que os tempos non están para investimentos por moitos beneficios de todo tipo que produza.

Ademáis das dúas fortalezas mencionadas, nas terras de Lugo hai restos de castelos en Parga de Guitiriz, que xa hai tempo está servindo de lateral dun galiñeiro; en Navia de Suarna, que acabou sendo unha casa habitada por varias familias; en terras da Fonsagrada, na Pobra do Burón, onde hai anos se quixo facer un hotel, sen conseguirse; en Miraz de Friol, en Torés das Nogais; en Sobrada de Outeiro de Rei; en Torrenovaes de Quiroga; en Caldaloba de Cospeito... todos eles teméndose que calquera tormenta invernal dea con eles en terra sen posibilidade algunha da súa restauración e posta en valor.

Este perigo está demostrado pola desaparición de torres nas últimas décadas, e mesmo polos derrumbes de torres da muralla de Lugo en tempos de choivas, que a auga cando cae a boullón non respecta para nada o patrimonio histórico.

Nos tempos dos Paradadores de Turismo, na provincia de Lugo construironse tres: O de Ribadeo, na entrada de Galicia desde Asturias; en Portomarín, para compensar ao pobo polo asulagamento do vello Portomarín, que logo cerrou por non conseguir facelo rendible; e o de Vilalba, que tampouco debía ser moi rendible cando só tiña as seis habitacións construídas na torre, pero que para eso se fixo a gran ampliación no edificio moderno adosado.

Vilalba ten solucionado o seu problema. Cabe esperar que Pambre tamén, de xeito que se convirta nun centro de interpretación da Ulloa e da arquitectura medieval do século XIV, única de Galicia que non puideron derrubar os irmandiños. E o de Sarria é caso aparte, que primeiro ten que conseguir un bo comprador.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania