Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A pedagoxía da pregunta

miércoles, 21 de marzo de 2012
Por esixencias felices da tese que estou a facer, reencontreime coa extensa obra de Paulo Freire e coa súa forma libertaria de ver o mundo. Hei de confesar que, nun primeiro momento percibín un Freire completamente desfasado, ancorado nun discurso defensor da politicidade da educación sustentado na dualidade entre unha esquerda liberadora e problematizadora fronte a unha dereita sectaria e bancarizadora. Non entanto despois fun descubrindo, na lectura reflexiva, aqueles aspectos atemporais da súa proposta pedagóxica.

A educación bancaria, segundo Freire, é aquela baseada na verticalidade, é dicir, na superioridade do educador ou mestre fronte ao alumno; neste caso o primeiro non ten nada que aprender e o segundo non ten nada que ensinar, co que o diálogo é imposible. Neste tipo de educación cástrase a liberdade do educando impedíndolle transformar os contidos desenvolvendo a súa propia curiosidade.

En troques, na educación problematizadora, o educando é o protagonista do proceso de aprendizaxe, o dono da mente que se transforma para adquirir as ferramentas que lle permitan afrontar ese proceso de cambio permanente que é a vida. Neste caso, trátase de potenciar o carácter construtivo e creativo do ser humano fuxindo da simple memorización do contido.

Para un educador problematizador, o de menos é que o educando reproduza mecanicamente o ensinado, porque o seu verdadeiro fin é que reflexione ata recrealo criticamente de acordo cos seus propios valores. Este obxectivo marca o tránsito dunha pedagoxía da resposta a unha pedagoxía da pregunta.

A pedagoxía da resposta parte do saber absoluto do educador, un saber que o alumno non ten dereito a cuestionar, por ser o chanzo inferior dun verticalismo que nega a súa capacidade creadora. Por iso, a súa metodoloxía nega o diálogo e tende a perpetuar un poder castrador desa palabra capaz de xerar un estado de opinión. Esta pedagoxía nega a experiencia e a curiosidade do educando, considerándoo un elemento pasivo do sistema educativo.

Pola súa parte, a pedagoxía da pregunta, establece a horizontalidade educador – educando e converte o proceso educativo nun diálogo entre ambos que pouco a pouco se amplía ao entorno. Aquí empeza a educación en comuñón, o que Freire chamou concientización, e pouco a pouco acabou denominando conscientización; que forma ao educando no manexo de múltiples fontes de información sobre as que xerará criticamente a súa visión do mundo.

Trátase de educar para a vida: para ser máis, para tomar decisións, para a autorrealización persoal, para o desenvolvemento do ilímite ou para o espírito de contribución ao mundo. Isto só é posible nunha pedagoxía da pregunta, disposta a cuestionar e ser cuestionada ata construír co educando o horizonte da liberdade interdependente, onde teñen cabida as autorrealizacións individuais e colectivas.

A pedagoxía de Paulo Freire propón unha autoridade sen autoritarismo nin libertinaxe que contribúa a desenvolver os ilímites do educando; ensinando respecto, tolerancia e diálogo, para abrir a consciencia a todas as fontes de aprendizaxe que nos ofrece o universo educativo. Esta pedagoxía defínese en tres tipos de aprendizaxes: educador – educando, educando – educador e educando – educando. Os tres son importantes e imprescindible, xa que constitúen os verdadeiros alicerces dunha sociedade interdependente.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES