Día do Seminario
Editorial - lunes, 19 de marzo de 2012
Hoxe, 19 de marzo, San Xosé, é o Día do Seminario, a xornada anual dedicada aos centros onde se forman viven- os futuros cregos da Igrexa do século XXI, selecta minoría chamada a suceder aos envellecidos membros do clero regular que manteñen en pé neste momento difícil a fe, a esperanza, e de xeito moi importante a caridade.
En tempos non lonxanos, ser crego era unha dedicación de prestixio e non había casa galega de certo nivel que non tivese algún cura entre os seus membros. Así, os seminarios eran os centros máis poboados da nosa xeografía, e deles saían cada ano lexións de cregos para evanxelizar o País e acudir a outros territorios a reforzar a presencia da Igrexa Católica.
A mediados dos anos sesenta os seminarios empezaron a perder estudiantes en beneficio doutros centros da vida civil, e moitos posibles cregos accederon a estudios de letras, especialmente maxisterio, para os que xa aportaban unha excelente formación.
Con motivo deste día do Seminario, a Igrexa emprendeu unha campaña informativa e de reclamo de novas vocacións, con argumentos entendibles desde unha óptica de paro e emprego precario, e así fálase dun traballo fixo e unha vida apaixoante, o que é verdade pero non estabamos afeitos a que nolo dixeran así.
Nun tempo no que o espiritual non vende, que o primun vivere ten conquistado á sociedade, que o espiritual parece quedar eliminado da nosa realidade colectiva diaria, a celebración da festa dos seminarios pretende revitalizar o espíritu de servizo e dedicación que sempre marcou a esencia do sacerdocio, usando as novas tecnoloxías e a linguaxe de hoxe.
Intentando renovar o panorama do sacerdocio para non ter que depender en exclusiva da chegada de vocacións, de vocacionais, de outros continentes, onde aínda a Fe ten boa imaxe entre a xente moza. Visto o panorama, parece unha loita xa perdida. Ou, con estes argumentos, ¿quen sabe?.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora