Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mil festas máis para a lingua galega

martes, 20 de marzo de 2012
Un pobo que non canta na súa lingua é un pobo sen identidade de seu. Con palabras semellantes dixérao Prudencio Romo, músico e compositor, “alma mater” da orquestra “Los Tamara” pouco antes do seu pasamento nunha entrevista emitida pola TVG ao comentar as razóns que os moverán a cantar en galego. O seu acerto consistíu en recrear as vellas tonadas presentándoas en ritmos modernos que lles reportaron notables éxitos.

A eles débeselles o mérito de promoveren un movemento de simpatía de tal magnitude que outros grupos e cantantes secundaron o seu exemplo: Juan Pardo, Andrés Do Barro, María Ostiz, Ana Kiro... Temos que mencionar por idénticos méritos a Manuel Muñiz que coa orquestra Compostela unírase a aquel movemento regaleguizador. Algúns deles figuraron nos primeiros postos das listas de éxito e vendas daqueles anos. Época dourada, sen dúbida. Tempos nos que agromara con moito pulo o orgullo pola nosa cultura.

É tempo de recuperarmos aquel espírito polo propio, de facermonos respectar e prestixiar o noso idioma noutros espazos. Neste intento deben confluír os esforzos dos produtores artísticos, compositores e letristas, orquestras e comisións organizadoras de festexos. Os concellos tamén teñen que poñer interese e medios neste proceso regaleguizador.

As festas populares deben ser os espazos de lecer para gozarmos dunha convivencia baseada na recreación dos valores que conforman a nosa identidade, que ten na lingua e cultura os elementos máis sobranceiros. Deste xeito tamén poderemos ofrecerlles aos forasteiros a nosa orixinalidade, que é a contribución á diversidade cultural do mundo. Sen singularidades empobrécese a vida, as relacións sociais, e pérdense as tradicións, que dito de paso, son obxecto de proteccións por diversos ordenamentos xurídicos.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística promoven esta iniciativa de fomento do uso da lingua galega nos ámbitos festivos. Neste empeño cóntase co apoio de concellos, institucións e entidades culturais, organizacións sindicais, artistas e intelectuais, que cren necesario aproveitar as posibilidades que teñen as festas e romarías para difundiren os valores primordiais da nosa identidade diferenciada. É unha tarefa común de todos os galegos, pero nomeadamente daqueles que, nos momentos tan críticos como os que estamos vivir, queren reconstruír o discurso dun galeguismo aberto e disposto a entusiasmar a un pobo no que aínda aniñan moitos prexuízos. “Non abonda con levar a bandeira diante dunha moitedume; cómpre que esa moitedume a siga, pero non coma un rabaño, senón como seres conscientes que saben guiar unha ruta ideal”, dixera Valentín Paz Andrade. E nós dicimos que hai que exercer o galeguismo todos os días e en todas as circunstancias.

Este chamamento vai dirixido tamén aos cregos para que incorporen a lingua galega á liturxia e practiquen unha pastoral de inculturización que esperte nos fregueses o amor polos valores patrimoniais que foron patróns da convivencia social.

A iniciativa regaleguizadora das MIL FESTAS MÁIS PARA A LINGUA GALEGA ten este ano en Prudencio Romo un exemplo de galeguismo musical que debe ser imitado por todos aqueles que interveñen nas programacións festeiras. Renderáselle merecida homenaxe o próximo día 22 nun acto que se celebrará na Cidade da Cultura ás dezaoito horas, amenizado polo laureado coro “Cantigas e Agarimos”.

Xosé González Martínez,
Presidente do Foro E. Peinador
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania