Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A arqueoloxía, a gran riqueza de Lugo

viernes, 16 de marzo de 2012
A pesar da potencia do monumento, a Muralla por si soa non é capaz de reter ao turista na cidade. É necesario potenciar o pasado romano que é dun gran atractivo para a maioría dos visitantes.

Neste aspecto avanzouse coa apertura da Casa dos Mosaicos e o Centro Arqueolóxico de San Roque. Tamén é importante a exposición sobre o Lugo Romano instalada na Sala Porta Miñá, por iso non me parece lóxico que se exclúa do itinerario da área de Turismo do Concello para as visitas guiadas. O conxunto arqueolóxico do Vicerreitorado ou Mitreo, e o proxecto da fiestra arqueolóxica da piscina da Praza de Santa María, son avances meritorios pero non suficientes.

A xulgar pola lentitude con que se ven movendo todo este proceso parece que as autoridades competentes neste tema aínda non se decataron que a materia prima principal que hai que transformar en produto cultural é a que nos dá a arqueoloxía. A posta en valor do patrimonio histórico e artístico da cidade, ten unha faceta económica, en primeiro lugar polo custo que supón o seu rescate, restauración, conservación e posta en valor, pero este investimento tamén reporta uns beneficios ao poder utilizalo como produto para consumo do chamado turismo cultural, destinado a un publico dun certo nivel de formación que lle gusta a historia e a arte.

Unha cidade como Lugo que depende do sector servizos, debería de ter como obxectivo inmediato, sen renunciar a outros, a dinamización do sector turístico, creando produto e infraestrutura destinada a potenciar este sector.

A arqueoloxía

A construción de tres aparcadoiros en 1986, aínda que foi un erro desde o punto de vista arqueolóxico e urbano, serviu para que se establecese a obrigación de facer escavacións recuperando un precioso legado que hoxe nos está permitindo musealizar restos in situ, e falar dun Centro da Romanización. É dicir, preservar, rescatar e pór en valor un ben histórico, antropolóxico, cultural e artístico, que como valor engadido tanxible é, ademais, un produto cultural xerador de riqueza.

E chegados a este punto compre preguntar ¿alguén pensou en conmemorar os 25 anos de escavacións que se cumpriron no 2011, cunha gran exposición arqueolóxica e a publicación das primeiras Memorias? Puido ter sido un produto turístico excelente para os meses de verán. Unha exposición publicitada en toda España, que se podía acompañar dun congreso ou coloquio científico para apoiala.

A primeira que se fixo no edificio do Cárcere, tivo máis de quince mil visitas. Son eventos de éxito seguro co público asegurado. ¿Non sería máis rendible investir os 280.000 € que se dan a clubs para que “promocionen a imaxe do municipio cara o exterior” e para conseguir a “maximización do potencial turístico do municipio” nun evento destas características?

Novas infraestruturas para o turismo

Unha vez máis repetimos que a Muralla como Monumento Patrimonio da Humanidade, debería de ser o motor do turismo na cidade e na provincia. A exposición arqueolóxica temporal do ano 2000, Imago Antiqua (Lugo Romano), transformada en permanente na Sala Porta Miñá, merece ser transformada nun centro de interpretación, cunha posta ao día, incorporando novas pezas e vídeos.

A Casa dos Mosaicos, é o mellor exemplo que temos hoxe de musealización de restos arqueolóxicos. O Centro Arqueolóxico de San Roque poderíase completar con algunha peza funeraria (aras votivas). O Mitreo está aí, pero non existe nada sobre o complexo das termas.

Estes centros, cos de Interpretación da Muralla e o do Camiño Primitivo, as súas respectivas oficinas de información, son servizos turísticos de calidade, infraestruturas dignas de eloxio desenvolvidas pola administración municipal e autonómica.

O desenvolvemento do novo Proxecto Museográfico do Museo Provincial, mellorou tanto as súas infraestruturas como a súa imaxe e exhibición, pero carece dun discurso, e a arqueoloxía debería de estar toda na planta baixa. O chamado Museo Diocesano é un totum revolutum con pezas arqueolóxicas moi importantes, que pasan desapercibidas, e aínda que hai a intención futura de desenvolver un proxecto museográfico, urxía poñelo en marcha, buscándolle un lugar máis apropiado.

Un concurso de ideas frustrado

Os problemas derivados das escavacións arqueolóxicas aínda non están resoltos nas súas variadas facetas. Os construtores mantiveron un litixio coa Consellería de Cultura polo pago de compensacións económicas polas escavacións que teñen obrigación de facer. O outro problema, que se tentou resolver en 1999, era o de que facer cos restos atopados. Por iso a Asociación Provincial de Empresarios da Construción (Apec) quería que no casco histórico houbese amplos espazos para expor de forma permanente os restos arqueolóxicos que se fosen atopando.

Ao haber unidades de actuación que non están desenvolvidas, a idea podíase levar a cabo, pero polo resultado do concurso creo que a pretensión dos promotores inmobiliarios non era escavar estas zonas para deixar á vista o que se atopase, senón que buscaban unha especie de almacén ou depósito, que os liberase de conservar os restos in situ.

O fallo deuse a coñecer o día 3 de marzo de 2000, deixando deserto o primeiro premio porque non se presentou ningún traballo que resolvese adecuadamente a problemática obxecto do concurso, pero concederon dous accésists, un para os arquitectos Carlos María Montero e José Abrodos, que propuñan crear un circuíto arqueolóxico integrado, un centro de información, con sala para proxección de audiovisuais e unha maqueta interactiva da cidade, e cinco máis dedicados á cerámica, mosaicos, numismática e xoias, á muralla e a Lugo a través dos seus moradores, situados en seis das nove unidades de actuación que faltaban por desenvolver no casco histórico.

O outro foi para a proposta de Roque Vello cos estudantes de arquitectura Francisco Manuel Rodríguez, Iván Rodríguez, Antonio Vagace, César Jiménez e José Carlos Igrexas, propuña construír en calquera parte unha estrutura metálica con cerramento de vidro, desmontable para expor as pezas. Hoxe estas ideas xa non teñen validez se temos en conta que haberá un Museo ou Centro da Romanización e que xa hai varios centros de interpretación abertos.
De Abel Vilela, Adolfo
De Abel Vilela, Adolfo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania