Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A forza da Casa de Galicia de Montevideo

jueves, 15 de marzo de 2012
Dona Diáspora está fondamente preocupada porque dos tres rexos “Faros de galeguidade e solidariedade” que puidemos construír nas capitais de Cuba, Arxentina e Uruguai, agora mesmo, só temos dous en funcionamento. Como é ben sabido, na caribeña Habana foi un “garronero” apelidado Castro ---fillo dun lucense de Láncara--- o que ofendeu ao seu propio pai cando ordenou a apropiación indebida do fermoso e valioso edificio-palacio do Centro Galego inaugurado en 1914 aínda que a fundación da entidade é de 1879.

Se baixamos ao sur temos dous bos exemplos de que os nosos irmáns traballaban con criterio e con moita tenacidade. Foron as beiras do Río da Prata ---cando as nubes escureceron o sol cubano--- as que acolleron con agarimo aos nosos desprazados.

Axiña se fixeron competentes albaneis para erguer os fogares sociais onde sandar ao mesmo tempo e en harmonía; espírito e físico. Nacen así o Centro Galego de Bos Aires [1907] e a Casa de Galicia de Montevideo [1917].

Na beira arxentina do Río da Prata o egrexio rianxeiro Alfonso Rodríguez Castelao recibiu a medicina que o curou da súa fonda e xustificada morriña. As apertas dos emigrantes convertiron as amplas e longas rúas de Bos Aires nun vilego novo Rianxo no que todos se coñecen e se saúdan. Hoxe, lamentablemente, o gran Centro Galego está sufrindo o moi patóxeno virus da desavinza entre os directivos e os empregados. Pero cando todos os agoiros presaxiaban a quebra e o derrube da institución chegou a esperanza da man dun nobre herdeiro do concello de Covelo. O presidente Vello é home de palabra que non se enruga diante das dificultades e se a prezada Arxentina medra en benestar e autoestima será quen de liderar a recuperación da nosa lareira solidaria da esquina de Belgrano e Pasco.

Na capital uruguaia a Casa de Galicia vai camiñando paseniñamente seguindo o roteiro marcado polo presidente Ramos. A entidade está saíndo adiante e vai salvando os freos das crises económicas. O actual presidente non fai maxia pero conta coa axuda inestimable dun valor inalterable desde hai 95 anos: o compromiso sentimental dos empregados. Aquí está a verdadeira forza da Casa de Galicia. Son máis dun milleiro de traballadores que están namorados do seu choio e que por tanto son conscientes de que o actual trío executivo de dirixentes son compañeiros de “laburo” que están a navegar o mellor que poden para que a nave chegue enteira ao porto.

Os tres directivos que comparten o temón naceron en Galicia: a) En Arzúa naceu o presidente Manuel Ramos Pérez ---na parroquia de San Pedro de Lema---; b) o vicepresidente Eduardo Mirás Franqueira é de Ordes; c) A secretaria, Emilia Rego Trobo, é de Foz. Disque a verdadeira temoneira é dona Emilia xa que ten unha ben acreditada experiencia apañando berberechos no areal de Cangas.

A Casa de Galicia puido superar atrancos grazas ao esforzo colectivo de directivos e traballadores. Non hai reparto de dividendos e os directivos son elixidos polos socios con carácter honorario. Os médicos manifestan con orgullo que non traballan nunha empresa privada calquera na que os empresarios van detrás dos beneficios. O sorriso agradecido dos pacientes satisfeitos é a maior das recompensas. Pola contra, se imos ata Bos Aires atopamos aos traballadores do Centro Galego enfrontados aos directivos. Levan meses protestando e hai pouquiños días que protagonizaron un triste episodio de protesta polos corredores do hospital petando nos bombos. O presidente Vello non é o inimigo. O seu esforzo intenta manter en pé uns servizos asistenciais pero só recibe o desprezo e a incompresión duns sindicalistas desnortados e trasnoitados.

Dona Diáspora coñece a unha loitadora chamada Graciela Vázquez Rojo que leva na Casa de Galicia desde que rematou a súa carreira universitaria. A nosa neta Graciela é unha exemplar enfermeira que herdou a coraxe e o espírito emprendedor dos fundadores. Os avós maternos ---Manuel Rojo Bouzas e Everilda López García--- eran de Vimianzo [Bamiro] e os paternos ---Florentino Vázquez Méndez e Alicia Ponte Varela--- de Arteixo [Suevos]. Sendo unha nena estivo na aldea materna de Oróns e aquel verán fíxolle comprender que pertiño do río Grande tiña un currunchiño xa que alí nacera a súa nai. En Montevideo vivían os avós paternos cos que sempre mantivo unha estreita relación. Na casa familiar da rúa Tapes escoitou alegres cantigas e os relatos da viaxe e chegada ao porto de Montevideo.

A entusiasta Graciela é unha firme defensora da identidade da Casa de Galicia. O seu labor non é gris nin monótono xa que non traballa nunha Sociedade Anónima ou Limitada. A súa actividade forma parte diferenciada das mil persoas que moven a institución mediante a enerxía dun combustible especial que sae do seu corazón. A familia “Casa de Galicia” actúa en harmonía e con eficacia porque no seu sangue levan o sentimento e a paixón por manter o que fixeron os devanceiros. Graciela empurra con intensidade porque faise cargo da débeda contraída cos emigrantes que cruzaron o mar para que ela puidese recibir o agarimo dun pobo xeneroso que gañou todas as batallas contra do derreamento e do desalento.

A Casa de Galicia ten futuro. Os vindeiros temoneiros están enriba da dorna e son a fiable substitución que continuará a singradura que hoxe é responsabilidade do trío Ramos-Mirás-Rego.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES