O home - vexetal
Rubal, Pedro - martes, 13 de marzo de 2012
O HOME - VEXETAL
( Unha desatinada utopía?!).
Por que non este estraño título?. Se o substituimos polo parénteses de Darwin, seguro que non se espantan, e podía falarlles, mellor escribirlles, do mesmo. En todo caso, a esixencia dunha explicación non ía a evitala. Quédese, pois, como vai.
Volvendo a Darwin algúns dirán que lle teño moita afección, e nin tan sequera compenso a desafección deles e o evolucionismo, en xeral, non son infrecuentes as preguntas acerca de si o proceso evolutivo se detén ou non no home, se hai aquí un paréntese.
Existen, ó respecto, varias saídas alternativas: que no home termina a evolución; que a evolución cultural abrirá novos horizontes a outra especie, a un posible superhome, e, incluso, que a técnica acabará coa especie humana.
Nunha alternativa novidosa, habería que partir dunha diferencia de propiedades no mesmo home: Aquelas que lle proveñen da actuación das potencialidades ó longo do seu desenrolo biolóxico (aumento da masa encefálica, por exemplo), e aquelas outras que adoitan chamarse propiedades por apropiación, que veñen a ser a realización, incorporada a súa realidade persoal, das posibilidades que lle ofrece a situación na que vive. Nas primeiras hai un certo determinismo, máis ou menos favorecido polo ambiente, mentres que as segundas teñen un matiz opcional, é dicir, entre as posibilidades existentes en cada situación, o home aprópiase das que considera máis convenientes. As propiedades físicas adquírense así por ACTUACIÓN das potencialidades (lembren o paso de potencia a acto); as propiedades por apropiación adquírense por ACTUALIZACIÓN opcional, isto é, tráense á actualidade, á presenza real da persoa humana.
Pois ben; deixando a un lado estas últimas, vamos a ocuparnos agora das primeiras, das que se actúan por esixencias xenéticas, coma se di hoxe en día. Comecemos por un caso estudado científicamente: o da babosa mariña (ELYSIA CHLOROTICA), unha especie cuxos individuos viven coma as plantas, as algas e algunhas bacterias, da luz do sol. E, sen embargo, pertence o mundo animal. Aliméntase dunha alga chamada VAUCHERIA LITTOREA, secuestrando os cloroplastos da mesma e incorporándoos o seu epitelio dixestivo, onde fotosintetizan durante meses.
Para comprender mellor todo isto hai que saber que as células vexetais conteñen un conxunto de organiños citoplasmáticos (interiores á célula e que rodean o seu núcleo), ós que os biólogos chaman PLÁSTIDOS, moi activos, que facilitan a nutrición autótrofa fotosintética, PRIVATIVA DOS VEXETAIS, isto é, que os vexetais son capaces de elaborar a súa propia materia orgánica utilizando só á inorgánica.
Hai varias clases de plástidos, pero aquí os que nos interesan son os CLOROPLASTOS, porque teñen unha pigmentación verde, a CLOROFILA, que permite a fotosíntese, mediante a que se realiza esa sintecización da materia inorgánica en orgánica, por exemplo, a partir da auga e do anhídrido carbónico, aproveitándose da enerxía luminosa.
Foi preciso chegar aquí para que as seguintes preguntas teñan sentido:
Poden existir cloroplastos no interior dun animal, posto que non pertecen ó mundo animal, e é moi difícil que se separen da célula hóspede?-
Como os cloroplastos necesitan para funcionar, para realizar a fotosíntese, a axuda dunha proteína, que soamente está codificada no xenoma da célula vexetal, hai posibilidade de que pase ao xenoma animal o correspondente xene codificador da mesma?.
Hoxe temos que contar para dar contestación a estas preguntas cunha nova ciencia: a EPIXENÉTICA, que ven a ser algo así coma a ciencia que nos explica as razóns polas que dous seres que teñen a mesma xenética poidan, non obstante, ter enfermidades diferentes, pois, segundo parece, no transcurso da súa vida, as químicas xenéticas poden sufrir cambios. É algo que estudou Manel Esteller, director escribe E. Punset, a quen sigo nesta información do programa Epixenética e Bioloxía do Cancro, no Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge.
Consecuentemente, como evidencia a Epixenética, se a proteína que axuda ós cloroplastos na súa función, co cambio do xenoma, pode ser codificada no animal, entón todo queda reducido a saber como hai que instrumentar neste a capacidade de fotosíntese.
A este respecto, pensan algúns científicos que o animal cando come algas non as asimila na súa totalidade, quedando algúns elementos acumulados no aparato dixestivo, e tal parece ser o caso dos cloroplastos. E tampouco se descarta que algún virus introduza nas células animais xenes que codifiquen proteínas catalizadoras (activadoras) das funcións dos cloroplastos.
Chegamos onde queríamos: Que o futuro evolutivo do home puidese estar nesta liña, pois, acadando suficiente enerxía luminosa do sol, que non lle faltaría, descubriría unha forma de adaptarse a novos ambientes, deixando, incluso, de ser un animal depredador, e pasando a ser autótrafo, como as plantas.
Todo isto semella ser, hoxe en día, utópico, afastado da realidade; pero non é un imposible e pode ter unha explicación científica. Por soñar que non quede: Tamén o fixo Xulio Verne e acertou.

Rubal, Pedro