Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cavilando nun fado de Deolinda

miércoles, 14 de marzo de 2012
Ás veces un atopa frescura entre versos e pentagramas musicais que o enchen de esperanza e forza para seguir a vida. Esperanza e forza en tempos de desespero e debilidade, nos que a ausencia absoluta de toda ética lévanos a ver lóxico e razoable o pisar aos nosos semellantes. Quen lera ata aquí, e pense que digo algo fora de lugar, convídoo a deixar de ler, acender a televisión e comprobalo.

A sociedade dinos que non collemos todos, que hai que tirar a alguén pola borda, que non podemos ser todos iguais. Acabouse o soño de Grândola. Morreu o 68. Agora somos xente seria, honrada e razoable; só necesitamos tripar sobre a cabezas máis vulnerables e evitar que cheguen aqueles que, simplemente, non o merecen.

E eu, rebelde sen causa, ou cunha ben artellada; sigo militando na poesía, na música, na pintura, na oralidade, na verba. Sigo militando nos que fan arte porque si, nos que buscan a propia liberdade na sinxeleza da vida, nos que medran facendo medrar, nos que coa palabra forxan risos, nos que viven amando e nos que saben que os cartos non se comen, senón que só serven para paliar as superficialidades da vida.

Atopei un fado que fala de todo isto, de todo o que a miña xeración ten que asumir sen comelo nin bebelo froito das desidias daqueles que queren levar o temón do noso destino colectivo. O fado, de Deolinda, chámase Que parva que eu sou –do que, no noso país, Pepa Yáñez fixo unha orixinal versión-, e o seu retrouso dinos: “E fico a pensar que o mundo é tao parvo que para ser escravo é precisso estudar”.

Este é o mundo que nos tocou vivir, e quizais temos que elixir entre arrolalo ou espertalo. Parece que actualmente a mocidade opta pola segunda opción, e vennos a dicir que non quere o seu destino, que ten outra idea da vida e que está disposta a loitar por facer outra sociedade a medida dos seus proxectos.

Isto significa que temos unha mocidade con valores, fronte a unha sociedade desvalorizada. Unha mocidade disposta a construír fronte a unha elite empeñada en destruír todo o que ten debaixo; por iso nacen cancións tan indignadas como a de Deolinda, cancións escritas por quen día a día vive o milagre de resistir e sobrevivir.

Estas cancións veñen animar a unha colectividade que soñou cun futuro hoxe espoliado polos mesmos que nolo venderon, o que eticamente é inadmisible.

Que nos queda? Quédannos os nosos propios valores. A liberdade de ser como queiramos ser e non como nos queren facer ser. A liberdade de volver ao auténtico e de negarse a ser fotocopias vitais nunha sociedade castradora da creatividade e da identidade. A liberdade de pensar por nós mesmos e de actuar de xeito autónomo. A liberdade de non adiar proxectos e de arriscarse. A liberdade de abrazar un cambio fronte á escravitude que nos ofertan, para doar aos nosos fillos un porvir ceibe no que autorrealizarse na medida dos seus soños.

Non somos parvos, sabemos o que queremos e o que poderiamos ter e non temos. Non somos parvos, temos moi claro que non queremos darlle á escravitude o froito do noso potencial. Simplemente non o merecemos!
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES