Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cores para aloumiñar soños (I)

lunes, 12 de marzo de 2012
CORES PARA ALOUMIÑAR SOÑOS(I), de
Camilo Gómez Torres


Aínda soan hoxe as verbas de Camilo, aínda soa o seu maxisterio e o seu ínclito pensamento na biblioteca, nas aulas e nos corredores do noso Instituto Lucus Augusti; e dende fóra, volve con esta nova achega a valorar o noso, a sentir no seu corazón de profesor e de poeta as pinceladas dos grandes e dos amigos.

Véxase a súa tese de doutoramento sobre Manuel María e hoxe tócalle tamén ó noso célebre pintor e compañeiro Macía. Falo do seu corazón de profesor e de poeta por que que é profesor, non cabe dúbida, mais o de poeta teno escondido baixo un seudónimo - que non quero dicir - nas diferentes tiradas da revista de creación poética Xistral da que tamén é Coordinador; de aí a súa capacidade e tamén o seu exquisito gusto pola creación en xeral e pola pintura e a música en particular. Pola música non hai máis que velo pola rúa, pola fotografía sábeno ben os seus alumnos, pois chegou ata a habilitar un espazo no instituto para o revelado e a fotografía, do mundo do teatro debemos dicir que foi actor e director de non poucas representacións, ademais de escritor e Profesor de Lingua e Literatura.

Como diciamos, o gusto pola creación non podía ser doutra maneira, fíxense vostedes no título da obra que nos acompaña “Cores para aloumiñar soños”

En canto á morfoloxía do libro, diremos que é un libro cadrado, de 20 x 20 coma un azulexo de Sargadelos ou andalusí, cheo de cores. Ao collelo, semella unha caixiña de agasallos, de sorpresas – tan só lle faltaría a chaviña para abrilo - ou unha caixiña de música, ou mellor, unha caixiña de pinturas. É unha exquisitez, un galano, unha prenda, un “peñor” que se pode dar como garante dun contrato ou dunha débeda nos tempos que corren. Nas cubertas, o libro ó tacto é avelaíño, e logo a cor e a foto do protagonista nun segundo plano ó fondo, semella un óleo, o artífice da pintura está como desenfocado, mais case que no centro trazando dende a cabeza ata os pinceis e ata o cabalete dúas liñas que conforman un ángulo de luz reflectíndoa desde unha xanela que nos invita a penetrar, fai o efecto dun expositor coas cores e cos pinceis preparados para o que vai acontecer. O desenfoque semella os seus cadros que como logo veremos, deixa intuír unha realidade virtual por detrás da contorna.

Entramos no libro e co primeiro co que nos sorprende Camilo é cunha tipografía a dúas cores: negra e vermella e un índice tamén en dúas partes simétricas. As cores da vida 107 páxinas; e As cores dos soños, Galería, Apéndices e Bibliografía 108 páxinas ( unha máis ); é dicir, a perfección, coma Camilo. Observemos aínda como na Galería hai unha ampla representación da pintura de Macía, na que os cadros non son todos do mesmo tamaño, non, cada un está a escala con relación ó orixinal, podendo así o visualizador facerse idea do seu tamaño natural e ó mesmo tempo que imos lendo o libro, procedemos tamén á visualización da pintura xa que o seu autor, Camilo, na Galería, vainos colocando o título do cadro acompañado do ano en que foi creado e as medidas orixinais das táboas ou lenzos, facilitándonos desta maneira a comprensión do escrito a través das láminas.

Como queira que sexa, o libro é moi pedagóxico, pois permítenos ir lendo as grafías e ó mesmo tempo ir entendendo os contidos a través da cor dos cadros que dunha maneira moi certeira nos vai dando as ilustracións segundo van caendo os anos.

Nas cores dos soños, está presente Lugo, os seus artistas; os Centros da cultura pululan polas súas páxinas de tal maneira que se queremos engranar algún movemento artístico de vangarda na nosa cidade é necesario valerse deste libro ou verse con el a soas para descubrir os seus leceres. Camilo Gómez dinos que o noso pintor Macía, nace en Lugo en 1955 e realiza a súa primeira exposición no “Circulo de las Artes” entre o 2 e o 11 de novembro de 1983. Macía é membro da Xeración do 75 que abranguería ós autores nados entre mediados dos 40 e finais dos 50 aparecendo no libro os nomes deses autores que citamos: Mª Teresa Calabuig, Tono, Mauro Leivas, F.Páez, Alvaro de la Vega, Ana Mazoy, Caxigueiro, José Carlos Ramos, Pardo Teixeiro, Paco Pestana, Lomarti, Antón Patiño, Laura Álvarez que son os que participan nesta colectiva, porén tamén pertencen a esta xeración aínda que non estean nesta exposición do Círculo. Roberto González, Xoán Guerreiro, Xosé Artiaga, Josefina Álvarez, Santiago Catalán, Ignacio López, Miguel Franco, Xoán Vila, Emilia Salgueiro, Carmen Soilán, Chema Dapena, Fernández Vila, Antonio Parga, Juan do Rego entre outros.

Fixádevos pois como a obra é unha historia de Lugo e dos seus artistas repleta de datos e datas como o Grupo Atlántica, a Xeración dos Noventa, Os Urogallos .

Miguel Anxo Macía ten un corpus amplo: debuxo, pintura, escultura, gravado, deseño, cerámica etc. Xa de pequeno, parece ser que lle regalaron un encerado e un Curso de Debuxo e Pintura por correspondencia a mediados dos anos 70 onde empezou a lastrar os seus desexos guiados polos mestres que foron tamén Profesores do Instituto Lucus Augusti: Saturno Lois, Benjamín Santín, López Guntín e Zalo aínda que a min me pareza que de quen máis herdou foi de Lopez Guntín, pois a súa pintura ten moito del, parecen pai e fillo, se poñemos xuntas dúas obras veríanse as fontes das que a min modestamente me parece que máis se confortou.

Camilo Gómez, o autor do libro, ó meu entender, fai un estudo vectorial ou progresivo, deseñando unha liña que vai dende o debuxo á pintura nun “progredior” consecutivo; é dicir, Macía comeza pola primeira fiestra do debuxo e logo en cada estación vital vai engadindo unha ornamentación pictórica segundo vai evolucionando a súa obra e o seu saber temporal e instrutivo, de tal forma que o abandono dos elementos que conforman o debuxo, fai que gañen os elementos que acompañan á pintura, abríndose en 1975 o camiño dunha estética EXPRESIONISTA, aínda que ás veces volva a unha estética REALISTA, “academicista e clásica na que a perfección técnica acada niveis de excelencia”.

Pasamos pois da letra alfa do debuxo á letra omega da cor, nese vector que coma unha frecha vai regalando beleza segundo se vai adentrando, segundo se vai impoñendo, segundo vai sendo o protagonista indiscutíbel do pracer que é a cor ornamental e sorprendente dos seus lenzos de tal forma que o debuxo fica “exclusivamente restrinxido aos apuntamentos e perde protagonismo como disciplina ou técnica artística” en favor da sensacional creación pictórica do grande Macía.
(Continuará)
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania