Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O acueduto

jueves, 08 de marzo de 2012
A subministración en época romana foi con pozos e dos mananciais do Castiñeiro

As fontes estaban en vías importantes fóra da muralla

As obras de transformación en praza da rúa de San Marcos, deixaron ao descuberto a base do acueduto romano, unha obra de formigón ou opus caementicium, sobre o que en 1752 se construíu o promovido e pagado polo bispo frei Francisco Izquierdo y Távira (1748-1762).

Con bo criterio vense de abrir unha ventá arqueolóxica para que se poda contemplar, iniciativa que tamén se debería desenvolver noutras zonas, fóra xa da muralla, onde tamén apareceron anteriormente, como na zona da Milagrosa.

O acueduto de Lugo non tiña porque ser tan espectacular como o de Segovia ou o dos Milagros de Mérida, xa que non era grande o desnivel a vencer pola auga desde o manancial. Sen embargo tiña unha parte aérea, que tería por finalidade manter o nivel e minguar a velocidade da auga, que coincidiría coa Praza e Rúa da Milagrosa, coñecida antes como da Cañería, por pasar por ela a canle de ferro fundida en 1852 en Sargadelos que substituíu á do acueduto da segunda metade do século XVIII.

Despois entraba preto da actual Porta de San Fernando, polo Boquete, atravesando a muralla hasta a parte alta da actual praza de Santo Domingo, onde parece que estivo o castellum aquae, un depósito de distribución da auga para as distintas rúas mediante tubaxes de chumbo ou de barro, como os que podemos ver na exposición sobre o Lugo Romano na Sala Porta Miñá.

É posible que os oleiros que tiñan os obradoiros nesta zona se fornecesen de auga sacada do acueduto para preparar as pastas que despois transformaban en materiais destinados á construción, como diferentes tipos de ladrillos, tégulas ou tellas, tubaxes, e distintos tipos de cacharros destinados a conter líquidos, para a cociña e a mesa.

Ademais do acueduto que conducía á cidade as augas procedentes dos mananciais do Castiñeiro, había pozos, moitos deles descubertos nas escavacións. Seguramente tamén empregaron algunha fonte, como a da Medusa musealizada no Centro Arqueolóxico de San Roque e que debeu de estar en uso ata .que se reformou a fins do século XVI, fonte coñecida como de San Pedro.

O trazado e a posible existencia na Idade Media

Os arqueólogos dividen o trazado do acueduto en tres partes: a de captación, o conduto xeral e a rede de distribución urbana. O debuxo elaborado por Benjamín Santín Carballada, represéntase o perfil que comeza nas Pías, topónimo que posiblemente fai alusión a arcas de captación de auga. Para facelo tivo en conta o tratado de Arquitectura de Marco Vitruvio, e puido comprobar que as nivelacións coinciden coas sinaladas neste tratado. Santín, que recorda a existencia do acueduto cando era neno, di que nos tramos non elevados había uns pozos ou arquetas cubertas cunha tapa de granito situados aos 120 pés de distancia (36,57 m) que recomendaba Vitruvio. Na prolongación da Rúa Mazaira hai arquetas de 12, 15, 43 e 55 metros.

Na zona do Castiñeiro, rica en mananciais subterráneos, facíase a captación no caput aquae, que literalmente significa cabeza da auga, ou sitio de captación. O lugar é máis alto que a cidade, o que facilitaba a condución da auga por gravidade nun traxecto duns 2.100 metros, cun desnivel duns 6,5 metros desde unha altitude de 469 metros, ata chegar aos 462,5 metros cota á que se atopaba o posible castellum aquae, na parte alta de Santo Domingo, desde onde se distribuía mediante tubaxes de chumbo, fistulae plumbarie, e de barro de maior diámetro, coñecidos polos árabes como alcatruces. Tamén se utilizaban canos labrados en pedra, aínda que os arqueólogos pensan que os que se atoparon corresponden ao acueduto do século XVIII.

Compre dicir que na Idade Media nesta zona había tres topónimos que poden ter relación con primitivo acueduto romano. Un deles é o da Pedra Bafadoira, que podía ser este depósito do que en ocasións sairía bafo, e dicir, bafexaría. A posibilidade de que chegase a auga ata aquí é tamén a existencia doutro topónimo, a Lagoa, onde estaba a cortiña do convento de Santa María a Nova, entre as rúas do Progreso e da Raíña, que sería unha poza onde se acumularía a auga que saíse do acueduto. E o terceiro topónimo é as Linalles, ou liñares, relacionado co cultivo do liño, que como primeira operación despois de recollelo, hai que depositalo nunha poza de auga a podrecer.

Achados en diversas zonas

Suponse que a auga se captaba mediante galerías subterráneas e que se conducía ata un depósito, caput aquae, do que partiría a canle ou acueduto sobre a superficie do terreo. Considérase que o depósito que tiña o acueduto construído a expensas do bispo Izquierdo entre 1753 e 1754, aproveitaba o romano e que no seu percorrido se ían incorporando outros mananciais situados na parte máis alta, na zona da Piringalla, onde se atopa o castro e os depósitos de distribución actual.

Toda esta zona era moi rica en fontes, por iso se lle deu o nome de Rúa das Fontes a unha deste lugar.

Do conduto xeral apareceron restos en diversas zonas do seu traxecto de opus caementicium, un morteiro que utiliza como aglomerante dos áridos, cal e area, cunha canle interior ou especus, de sección rectangular que se cubriría posiblemente con tapas de laxa de lousa e que discorrería a rentes do chan no seu primeiro tramo para irse elevando sobre o terreo, a xulgar polos restos de piares que se atoparon na zona da Milagrosa, posiblemente sobre arcos de medio punto.

Os pozos

O outro sistema de subministración era mediante pozos, putei, posiblemente utilizados antes de que existise o acueduto e despois como un elemento de reserva nos momentos de escaseza. Os que apareceron nas escavacións son de dous tipos, de sección circular e cadrada, forrados con laxa de lousa.

Na Idade Media houbo varios pozos públicos, como o do Carballal, ao inicio da rúa de Amor Meilán, onde se celebrou a feira mensual de gando. O das Cortiñas de San Román, actual Praza Maior. O Pozo da Pinguela, na praciña do mesmo nome ao inicio da rúa do Miño. O Pozo da Porta Miñá, transformado en fonte a fins do século XVI, o de San Francisco, na actual Praza da Soidade, e o do Barrio dos Cregos.

En 1875 tamén se fixeron pozos públicos na rúa do Progreso, no Campo do Castelo, na Praza de Santo Domingo, na da Soidade, na do Cuartel de San Fernando e outro no patio da Casa de Beneficencia que daba á Rúa Nova. Os pozos privados tamén eran frecuentes.

As fontes

As fontes estaban situadas no exterior, en camiños importantes, no Regueiro dos Hortos, por onde baixaba o ramal da vía romana XIX que saía da Porta Miñá, estaba a chamada de San Froilán. No outro ramal que partía da Porta do Pexigo ou Santiago, estaba a da Magdalena de Recatelo, que se cita en 1478 no foro dun horto. No Camiño Primitivo estaba a Fonte dos Ollos, no exterior da Porta de San Pedro, e na saída da Porta Falsa atopábase a fonte de Paradai.

Na entrada da vía XVIII, tamén se cita unha Fonte do Campo de fora da cidade, da que non coñecemos a súa localización pero que intuímos que pode ser a do campo de San Pedro, a antiga romana da Medusa, que se reconstruíu a finais do século XVI, tal vez tamén a mesma á que lle chaman Fonte lucensi e que pola denominación parece que era a fonte máis importante da cidade.

En 1554 tamén se fai mención á Fonte das Pombas no chamado Camiño Francés.
De Abel Vilela, Adolfo
De Abel Vilela, Adolfo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES