Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fragmentación

viernes, 09 de marzo de 2012
Afírmase que un dos grandes problemas do campo galego é o minifundismo, pola excesiva fragmentación de fincas e montes existentes no noso territorio.

A razón ven dada polo especial apego que os galegos temos á terra, da que precisamos un anaco para vivir e ata un anaco para morrer, precisamente para que non se poida dicir de nós, segundo o argot tan vello de “non ter onde caerse morto”.

Aínda que os vinculeiros, os que mantiñan o vínculo, levaban a mellor parte nas herdanzas e divisións de propiedades familiares, a mellor solución para calquera propiedade era a fragmentación entre os fillos. E dado que as familias eran moito máis numerosas na antiguidade que agora, a sucesiva parcelación foi conformando trenzas de terras, en moitos casos mínimas, que se gardaban especial agarimo familiar, provocaban dificultades para ser traballadas, especialmente no caso de pretender unha necesaria mecanización dos labores agrícolas.

Este problema paliouse en determinados lugares de Galicia coas concentracións parcelarias, dificultadas por esa mesma razón de apego a unhas terras determinadas, pero pervive na maioría do territorio non permitindo accións de conxunto, de planificación da terra e das explotacións, que se pretende agora alomenos que non se agrave.

A nova Lei de Montes vai impedir a fragmentación de parcelas de menos de 15 hectáreas, 150.000 metros cadrados, precisamente para loitar contra o minifundismo, do mesmo xeito que para potenciar a recuperación dos montes que se talen vai ser obrigatorio investir neles o corenta por cento dos beneficios que se obteñan.

É un paso no bo camiño, que requerirá moitos outros e, especialmente tempo, para invertir unha tendencia que fragmentou explotacións e mesmo vivendas orixinando situacións curiosas só entendibles por esa necesidade de ter algo propio por mínimo que fose.

Conterase a fragmentación, pero moito queda por andar no camiño da racionalización do noso rural, especialmente nas concentracións rurais das que agora case non se fala porque o rural estase abandoando en beneficio das zonas urbanas e adiantadas deste país. O problema, pois, é de fondo. Pero por algo se empeza.
Editorial
Editorial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES