Solidariedade ou fraternidade?
Rubal, Pedro - lunes, 05 de marzo de 2012
Por que evitamos o emprego do termo fraternidade nalgunhas situacións que utilizamos solidariedade?. Eu confeso que teño certa preferencia por aquel, incluso etimolóxica, posto que fraternidade ven de fraternitas, que, en latín, significa fraternidade, amor, unión, que presiden a relación entre irmáns, ou entre os que SE TRATAN COMA TALES.
Pola contra, solidariedade ven a ser unha adhesión máis ou menos temporal, unha asociación a unha causa temporal. Ademais, a fraternidade só pode darse entre persoas con liberdade de decisión, mentras que a solidariedade encontrámola incluso entre as partículas dun sólido, e tamén entre persoas, pero cun matiz de unión PARA algo.
A isto hai que sumar que a mesma adopción de actitudes solidarias implica a existencia dunha determinada forma de vida cunha serie de patoloxías contra as que hai que loitar con solidez e dureza. Por iso se fala de solidariedade de clase, que leva unha connotación de loita contra outro grupo ou sector da sociedade. E aínda que non entro na necesidade desta loita, que implica solidariedade, o ter que acudir a mesma supón xa, por principio, unha maneira de estruturar a sociedade, de vivir, de establecer as relacións entre as distintas persoas, de por si inxusta; e se para restablecer a Xustiza, é mester botar man da loita, por moi necesaria que sexa, non é desexable.
En todo caso, penso que debemos situarnos na liña de dar sentido ás nosas vidas e aquí temos que evitar os enganos: Ou ben o facemos cun firme propósito de autenticidade e sinceridade, ou ben nos arriscamos a levar unha vida desnortada, perdida. E paréceme que a fraternidade responde moito mellor o primeiro membro da disxuntiva que a solidariedade.
Isto, sen embargo, non supón que non poidan realizarse complementacións en certos casos; pero eu penso que é moi desexable que as situacións esixan o empleo do termo fraternidade en vez de solidariedade, entre outras, por dúas razóns fundamentais: Porque as institucionalizacións que non responden ás verdadeiras esixencias persoais e non están o servizo destas sempre comportan patoloxías que, antes ou despois, fannas caer na atonía administrativa e convértense en pasto dos parásitos políticos e escola dos políticos parásitos, e tamén porque a sociedade que NON FACILITA A REALIZACIÓN da persoa, acaba transformándose nun frontón que rexeita ás posibilidades entre as que opta esta para realizarse en liberdade.
Quero saír ó paso dos que adoitan ver na palabra fraterninade certas connotacións inherentes ás prédicas. Tería que traerlles aquí varios apoios, pero non é este o lugar máis adecuado para iso. Conténtome con poder ofrecerlles a preferencia pola mesma de Rafael Díaz-Salazar, profesor de Ciencias Políticas e Sociolóxicas na Universidade Complutense, quen escribiu o seguinte: Hai que potenciar un movemento cidadán decidido a poñer en práctica o terceiro ideal revolucionario: a fraternidade, páx. 394, do seu libro La izquierda y el cristianismo, Santillana, S.A., Taurus, 1.998, Madrid. Os outros dous ideais son a igualdade e a liberdade, sobre os que habería moito que dicir, porque tampouco poden ser entendidos na semántica de cada desexo. E na páxina seguinte recolle este profesor unha cita de Octavio Paz na que afirma que a fraternidade, que non é un valor económico, senón moral, será o centro de discusión das xeracións que veñen. (Non parece premonitoria
!)
Pero se damos un paso máis, podemos poñer todo isto en relación co que, evanxélicamente, se chama a PRIMACÍA DOS ÚLTIMOS, é dicir, antepoñer a calquera obxectivo meramente económico, a liberación dos explotados (que non son difíciles de identificar no intento de superación desta crise) e dos que non teñen medios económicos suficientes para levar unha vida digna nunha sociedade chea de luxos; a liberación do suplerfluo, dunha competitividade que desbordou todo control e duns chourizos emerxentes en todas as capas da sociedade, moitas veces cínica e vergoñosamente desculpados polos que están amparados polo mesmo garañón.
Pois ben; esta liberación está esperando que o termo fraternidade sexa predominante nos usos e esixencias sociais, dunha maneira cordial, que ven a ser o que Occhetto, ex secretario do PCI chamaba crear infraestruturas inmateriais, e Debray, na súa Crítica de la razón política, Cátedra, 1.990, Madrid, expresaba co sintagma CORAZÓN COMA SEDE DA IDEOLOXÍA (Algúns políticos, ós que as cervicais non lles deixa levantar a cabeza do chan, aínda que non lles falte talento, teñen abondo que aprender disto). Tamén Delors afirmou que había aínda moito que facer para asegurar a primacía do espíritu (de fraternidade?) e Günter Grass ten a convicción de que o pensamento europeo está enfermo, porque soamente está orientado económicamente, País, 21-3-93, páx. 29.
Parece utópico, pero mentres a UE non cambie a taxa na fecuencia do uso lingüístico do termo fraternidade pola de solidariedade, para cubrir verdadeiras esixencias semánticas, haberá fundadas dúbidas de que as coherencias socio-políticas e económicas na mesma sexan un feito e abran horizontes para unha convivencia sosegada, que inspire respecto fóra das súas fronteiras ( xa que dentro non é capaz de reducir os espazos dedicados a galiñeiros
!).
E aquí, neste artiguiño, o que empezou cunha preferencia terminolóxica, termina postulando posturas axiológicas, porque os valores arraigados na realidade teñen tradución lingüística e orientan os comportamentos, algo que, por moi sabido, non deixa de ser moi pouco aplicado e escasamente valorado, aínda que a fogosa elocuencia! dos nosos tribunos da plebe anda á escama no eido axiolóxico.

Rubal, Pedro