Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alfonso II e San Francisco, peregrinos a Compostela

viernes, 02 de marzo de 2012
ANIVERSARIOS DA PEREGRINAXE DE ALFONSO II E SAN FRANCISCO A COMPOSTELA

No 2014 cumplense XII séculos do paso do rei e VIII do Santo de Asis

Hai quen di que foi no ano 814 cando Afonso II o Casto veu de peregrino a Santiago de Compostela. Ricardo Polín, estudioso, bo coñecedor e promotor do Camiño Primitivo, afirma que o Primitivo era o primeiro Camiño da historia que cumpriría agora doce séculos, e chamaba a atención para que a efemérides non se pasase por alto, suxerindo que fixesen algo, e conxuntamente, os concellos de Lugo e Oviedo. Eu engadiría tamén ao de Santiago de Compostela que seguramente non deixará pasar esta oportunidade para promocionar a cidade.

Pero tamén di a tradición que no 1214 veu de peregrino San Francisco de Asis, incluso que foi o fundador do convento de Lugo, atribución para a que non hai probas.

Non obstante deberíanse ter en conta estas efemérides e aproveitar a ocasión para que a Xunta levase a cabo os proxectos que ten parados como a rehabilitación da torre medieval dos Montenegro, que adquirira a S. A de Xestión do Plan Xacobeo, cando era xerente Ignacio Rodríguez Eguibar para destinala ao Centro de Estudos e de Atención ao Peregrino, e a da igrexa do Carme ou da Virxe do Camiño, coa súa imaxe.

Tamén estaría ben aproveitar o evento para que se fixese un monumento a Alfonso II, semellante ao que dende hai moitos anos ten en Oviedo, a carón da catedral, ou a reproducción de Santiago colocada preto da antiga Universidade.

Paso obrigado da peregrinación

Na Idade Media Lugo foi paso obrigado para os peregrinos que utilizaban o Camiño Primitivo que de Oviedo ía a Santiago de Compostela. Era algo que aos lucenses nos pasaba desapercibido porque houbo quen se preocupou máis de dar pulo ao chamado Camiño Francés, pero as pegadas estaban aí, nas pedras, na arqueoloxía, e nos documentos.

O primeiro peregrino importante que pasou por Lugo cara a Compostela, foi Afonso II, o Casto (791-842). Gustoulle tanto a basílica que acababa de reconstruír o bispo Odoario (Ca. 747-780), que ordenou tomala como modelo para facer a do Salvador de Oviedo onde estaba a corte.

Tamén se di que San Francisco de Asis veu de peregrino a Santiago entre maio de 1213, en que aínda estaba na Romagna, e novembro de 1215 data na que tiña que estar de volta para asistir ao Concilio Lateranense IV. Anque aspectos como o paso por Lugo para fundar o convento é tradición, sen embargo a viaxe é un feito histórico relatado polo seu hagiógrafo frei Tomás de Celano, na Vita prima e no Tractatus de miraculis, San Buenaventura, na Legenda Maiar, afirma que en Hispania enfermou gravemente e outros hagiógrafos do século XIV aportan máis datos.

O Camiño contribuíu a revitalizar a cidade, especialmente a partir de finais do século XI, pois a reapertura das antigas vías romanas, permitiu o tránsito de xentes de diferentes partes de Europa que se instalaron nas cidades por onde discorría, dotándoas de actividade artesanal e mercantil. Se hoxe existimos como cidade é en gran medida grazas a este fenómeno relixioso.

Alberguerías, fontes e baños para os peregrinos

No ano 998 xa había en Lugo un hospital de peregrinos. Os hospitais medievais relacionados co Camiño na cidade foron o de Santa Catalina, na Porta de San Pedro, o de San Bartolomeu nas Cortiñas de San Román (actual Praza Maior), o do Pozo da Pinguela (no inicio da Rúa do Miño), o de Santa María, preto da Praza do Campo e o de San Miguel, na Porta Miñá. Na beira dereita do río Miño estaba a leprosería de San Lázaro. A finais do século XVI os hospitais reducíronse a dous, o de San Lázaro e o de San Bartolomeu, trasladado en 1621 ás Torres do Conde. En 1778 fíxose alí un hospital para peregrinos nun edificio encostado á muralla polo interior na Porta Falsa.

Na cidade e inmediacións había fontes e baños públicos que podían utilizar os peregrinos, como a fonte dos Ollos no camiño que subía cara á cidade desde a Chanca, os pozos públicos das Cortiñas de San Román, da Pinguela e da Porta Miñá.

No río Miño, xunto á ponte, as antigas termas romanas seguían en actividade, sendo frecuentadas, non só por xentes do reino de Galicia, senón tamén do de Castela. polos que buscaban a saúde nas propiedades das súas augas. O peregrino alemán Herman Künig von Vach, fala dos baños nun folleto sobre o Camiño impreso en Estrasburgo en 1496.

Preto das termas, nas casas da ponte, sorprendeu a morte a Jacobo Jacquet, un peregrino natural de Grolay en Suíza, cantón de Friburgo que faleceu o día de San Froilán de 1788 e foi enterrado o día sete na igrexa de San Marcos; onde estaba o cemiterio dos pobres.

A igrexa de Santiago e a capela da Virxe do Camiño

A igrexa de Santiago foi a sede dunha das tres parroquias existentes na Idade Media que se debeu de establecer ao consolidarse o Burgo Novo, logo da repoboación efectuada por Afonso VI a finais do século XI. O territorio que se lle asignou comprendía o Burgo Novo, ata a rúa das Ferreirías polo Norte, as de Bermudo Sánchez (Conde de Pallares), Cruz e Rúa Nova, ata os portais do Convento de San Francisco, polo Oeste. Ata a súa advocación parece ter relación co Camiño, pois as repoboacións deste período coincidiron co auxe da peregrinación, nos séculos XI e XII.

Os restos dunha basílica que apareceron en maio de 2005 entre o edificio do Circulo de las Artes e o antigo Colexio Seminario de San Lourenzo, que puido ser a igrexa do Salvador, seguramente foi despois dedicada a Santiago e convertida na sede da parroquia.

O culto á Virxe do Camiño, na capela que houbo onde hoxe se atopa a do Carme, e outra mostra máis da importancia que tivo o Camiño Primitivo na cidade. Por estar na beira da calzada romana dedúcese que existía na Baixa Idade Media, sendo posible que a súa orixe sexa un templo pagán dedicado aos lares viales.

O padroado desta capela foi dos señores da casa de Soutomerille (Castroverde), por onde pasa o Camiño Primitivo. Cedeuna dona Francisca de Navia y Pradeda á Confraría do Carme o 14 de marzo de 1778, que fixo a capela actual. A imaxe da Virxe do Camiño, é do segundo terzo do s. XVI e da escola de Cornellis de Holanda, pasando do altar maior a un retablo lateral.

O bispo frei Francisco Izquierdo tamén se preocupou de deixar outro testemuño do Camiño na muralla ao facer a porta en 1759 coa imaxe de Santiago Cabaleiro, unha iconografía xacobea relacionada co culto na cidade e tamén por ser a saída cara a Compostela.
De Abel Vilela, Adolfo
De Abel Vilela, Adolfo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES