Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Entre Marbella e Torremolinos

miércoles, 29 de febrero de 2012
O outro día fun ver a mostra fotográfica de Xosé Reigosa, titulada Entre Marbella e Torremolinos. Imaxes do manicomio, que hoxe remata na Deputación de Lugo. A mostra é un percorrido pola historia do Hospital Psiquiátrico de San Rafael de Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei), inaugurado en 1953.

O Hospital psiquiátrico de Castro é unha referencia para toda a provincia de Lugo; ao igual que o de Conxo é unha referencia para A Coruña ou o do Rebullón para Vigo. Castro funcionou dende o 1954 xestionado pola Deputación Provincial, chegando a ser o segundo gran centro de reclusión para enfermos mentais de Galicia.

O título da exposición reflicte a existencia de dous pavillóns: o das mulleres, chamado Marbella; e o dos homes, chamado Torremolinos. Os pavillóns estaban incomunicados, podendo acceder dun ao outro por un núcleo central onde confluían ambos sexos. En contra das ideas da sociedade, os coidadores saben que había moita humanidade entre Marbella e Torremolinos, sentimentos e emocións recluídos (con ou sen razón) que aínda eran capaces de soñar en liberdade e que reflicten unha consciencia do enfermo mental sobre a súa propia situación, en contra da idea estereotipada da sociedade.

Tratábase de excluír, de afastar, de esquecer a aquelas persoas con enfermidades mentais, que eran condenadas ao encerro perpetuo e con el á máis terrible soidade. Ao longo da exposición queda de manifesto unha carencia afectiva permanente do enfermo mental, ás veces paliada tenuemente polos coidadores e polos mesmos internos que incluso estableceron relacións amorosas entre Marbella e Torremolinos, entre homes e mulleres.

No entanto, Castro era o lugar no que a cordura esquecía o medo a través da reclusión da demencia.

A pesares desta intención reclusiva presente na propia estrutura do edificio, débense mencionar experiencias integradoras ao longo dos anos, como a existencia dun piso tutelado onde os enfermos en mellor estado gozaba de certa autonomía. Xunto con isto, tamén hai que mencionar a integración dos internos na vida de Castro, que lonxe de excluílos, naturalizounos no seu propio balbordo. Era frecuente ver persoas do San Rafael comendo o polbo nas feiras ou dando paseos polo pobo. Ninguén lles tiña medo aos “tolos de Castro”, porque todos sabían que eran una parte fundamental do seu entorno.

Cos anos o San Rafael foi unha auténtica comunidade humana que viviu en réxime de interdependencia; os enfermos apoiábanse mutuamente para a satisfacción das súas necesidades. Esta comunidade humana ía incluso máis alá da morte, como se amosa no feito de que o manicomio tivera o seu propio a cemiterio para honrar a memoria dos esquecidos pola propia familia. Isto déixase sentir no feito de que, ante o peche, moitos internos perden o eixo central e fundamental da súa vida, véndose obrigados a unha reestruturación forzosa non exenta de dificultades.

Reigosa consegue nestas imaxes o gran obxectivo de humanizar a tolemia, dándolle voz a aqueles que foron expropiados dela, a través da infravaloración dos seus pareceres. Ao facelo, atopámonos coa consciencia da propia enfermidade, con xente que non se nega a si mesma, senón que se recoñece máis alá da súa propia historia.

Parece que a hipocrisía quedou arredada dos muros de Castro, e a razón penetrounos ata o máis profundo. Polo que cabe reflexionar sobre o que é e o que non é normal, sobre o que é e non é aceptable, e sobre o esquecemento ao que sometemos a esta xente sen pensar no irracional xeito de vida que nos impón esta sociedade. Estaremos todos tolos?.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES