O Heraldo cumpre cen anos
Xiz, Xulio - miércoles, 22 de febrero de 2012
Todo cumpreanos merece ser celebrado. Nos humanos, un a un, cada ano merece a súa celebración. As institucións tamén cumpren anos, pero as celebracións gárdanse para as cifras rotundas. E celébranse os vintecinco anos dunha iniciativa, ou os cincuenta, que xa resulta ben difícil. Neste tremendo 2012, unha institución viveirense, provincial e galega, o Heraldo de Viveiro, cumpre cen anos. E merece ser celebrada esta proba de resistencia por riba de calquera dificultade.
O Heraldo é unha badalada semanal que espalla urbi et orbe viveirismo militante a xeito de comentarios afervoados, de notas de sociedade, de novas do acontecer diario, de lembranzas do tempo que se foi. É unha condensación viveirense que viaxa por todo o noso mundo para vencellar a todos os que cremos que Viveiro ten un ánima especial, un ánimo colectivo invencible, un lugar no mundo á beira do mar polo que as terras do occidente lucense se asoman aos inmensos misterios do mar infindo.
A Familia Neira coida que permaneza viva a chama do Heraldo que prendeu Ramón Canosa e a súa familia quere que perviva. Luis Neira Río, o patriarca dos Neira, dedicou a vida ó Heraldo... Cada exemplar do Heraldo fai lembrar a presencia viva deste home que deixou soterrar o seu corpo na fermosura do Altamira. Agora, Juan Carlos Neira, seu fillo, é quen patronea este meritorio exemplo de prensa militante que naceu o ano en que afundeu o Titanic e aprendeu daquela a lección de que a sinxeleza e a humildade son as mellores fórmulas para manterse a flote.
Vaia desde a Terra Chá que me habita unha fortísima aperta para as xentes do Heraldo de Viveiro, especialmente para os Neira, e o desexo de que os que os sucedan e nos sucedan poidan celebrar moitísimos anos máis do xa histórico Heraldo de Viveiro.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora