Xulio Xiz xubílase
Rodríguez López, Santiago - viernes, 17 de febrero de 2012
De certo é que ben raro nos sona isto ós que coñecemos ó amigo Xulio Xiz. Porque a verba xubilación trae consigo connotacións de cese de actividade, de deixar de traballar. E ben sabemos que no caso de Xulio eses conceptos non encaixan coa súa persoa nin coa súa alma.
Porque Xulio Xiz tan só deixará a partir deste 17 de Febreiro as súas tarefas como funcionario de cultura da Xunta de Galicia. Longos anos de eficaz adicación á Cultura galega dende a Xunta dan paso agora a unha nova etapa ben merecida cargada de novos proxectos e ilusións.
A actividade do noso Licenciado en Ciencias da Información e mestre ven sendo dende sempre intensísima e polifacética. Non pretendo resumir aquí a súa vida e obra, que pode verse extractada en numerosos medios, incluido a sección de galegos de Galicia Dixital. Só decir que ven exercendo dende hai máis de 40 anos como periodista acreditado en radio, prensa escrita, televisión e internet. Numerosos premios nacionais e internacionais de radio e televisión acreditan a calidade das súas obras. Ademais publicou e coordinou un gran número de libros de temática diversa.
Outra das moitas e interesantes facetas de Xulio Xiz é a súa gran capacidade para organizar actos culturais. De 1983 a 1989 foi xefe do Staff da presidencia do Concello de Lugo e director do Padroado Municipal de Cultura, organizando neste período máis de mil actos culturais. Entre os seus cargos de responsabilidade inclúense o de Presidente do Orfeón Lucense e de Fonmiñá. Con Carlos Rodríguez Arias creou importantes empresas culturais: en 1986 a Productora de Vídeo e Editorial OPHIUSA, en 1994 a primeira televisión local de Lugo TELEVISIÓN LUGO- que dirixiu ata novembro de 1998 e en 2000 a plataforma en internet GALICIA DIXITAL.
Con toda ista bagaxe resulta evidente para os que coñecemos a Xulio Xiz que o feito da súa xubilación é moi relativo, xa que tan só afecta a unha das súas múltiples facetas, a de funcionario de Cultura da Xunta de Galicia. De seguro que moito nos ha de seguir aportando o amigo Xulio Xiz nos anos que veñen. Temos precedentes doutros xubilosos xubilados como Xesús Mato, Xosé Manuel Carballo, Mini, Mero, Alfredo González e así será tamén no caso de Xulio.
Noraboa, amigo Xulio por esta nova etapa que comezas hoxe, ben gañada co traballo eficaz e constante que lle adicaches á Cultura galega como funcionario da Xunta. Tamén noraboa para nosoutros por seguir contando entre nós cun amigo verdadeiro que, onte igual que hoxe e que mañá, foi, é e será un dos máis eficaces traballadores en prol do engrandecemento da Cultura galega.

Rodríguez López, Santiago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora