Vida
Corral Soilán, Cristina - jueves, 16 de febrero de 2012
Pouso os pés no chan coa seguranza de que o verán foi caendo a cada paso tras de min, camiño satisfeita por ter chegado á terra onde as cores se funden coa paleta do outono, seino de certo, porque os castiñeiros van espindo sixilosos a alma, déixana caer perseguindo as pingas de auga que antes tiraron a caldeiros os deuses, celtas, por suposto.
Unha longa alfombra salpicada de redondas espiñas deslízase silandeira a beira dun río que bule presuroso, porque non quere chegar tarde a esta festa
Saen ó camiño os boletus, os coprinus, tamén as amanitas, as vermellas
badéanme os pasos até chegar cabo de min ó vello muiño
ó seu carón, nun souto de árbores centenarias, unha delas, cun enorme burato no peito, amósame a vida que está por chegar
sigo o río, e tamén están alí, afortunadamente en minoría, os eucaliptos
ás miñas costas, unha enorme garza desprégase como un abano de ás inmensas, e camiño, camiño, camiño e en apenas uns metros de baixada, sinto o ruxido forte, intenso, a humidade, o aire, a vida, porque a maxestuosa seimeira de Vilagocende estame a mollar a cara ó final do día
e entón pecho os ollos e respiro forte, porque nese bafo xeado, nese salto de vida, sei que navega tamén a miña.

Corral Soilán, Cristina
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora