Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha lembranza ás Encrobas

miércoles, 15 de febrero de 2012
As Encrobas era unha pequena aldea de Cerceda, onde no ano 1974 FENOSA merca por 900 millóns de pesetas a concesión dunha mina de lignitos. Para a súa explotación, o Consello de Ministros de Franco aproba unha expropiación forzosa por vía de urxencia das terras dunha das zonas agrícolas máis ricas do país. A cambio, FENOSA promete 4000 posto de traballo que finalmente quedarán reducidos a 400.

Ante unha oferta tan ridícula os veciños néganse a negociar, ao considerar que a empresa se está rindo deles.

Este conflito dá lugar a unha loita entre os veciños e o goberno, que terá como principal protagonista ao párroco de Sésamo, Moncho Valcarce (1935 – 1993). Moncho converte as súas misas en auténticas asembleas, onde tiñan lugar distintos actos reivindicativos que se desenvolvían a pesar do constante acoso da Garda Civil.

O proceso deriva nunha manifestación de oito mil persoas na cidade da Coruña, que en Agosto do 76, marchan ao berro de “a nosa terra é nosa, non de FENOSA”. Os manifestantes reclaman o seu dereito a seguir sendo pobo: “cartos NON, traslado da poboación”.

A mobilización tivo un grande eco informativo debido á carga policial que lle deu fin. Nos días sucesivos, a solidariedade cos veciños das Encrobas transformouse en comunicados, concentracións ou paros de apoio á causa dos labregos e en clara repulsa á actuación da Garda Civil. Ante estes feitos o gobernador civil da Coruña vese obrigado a dimitir.

Mais a gran batalla das Encrobas librouse no monte. Cando o 15 de Febreiro de 1977 FENOSA, que se nega a negociar en todo momento, ocupa as terras dos labregos acompañada de centos de gardas civís. En Pau Rañou agárdaos Moncho Valcarce xunto con 100 labregos que resistirán catro horas, ata ser detidos “un a un”, con Moncho á fronte.

O clamor popular fixo que FENOSA tivera que negociar o prezo das terras.

O comandante desta loita foi un crego, segundo as crónicas, “extrovertido, alegre, festeiro e amante da lectura e da música”: Moncho Valcarce (1935-1993), que se caracterizou por unha labor pastoral profundamente humanista que quería volver ás esencias da comunidade cristiá. Moncho daba a Comuñón con pan centeo e viño do Ribeiro, defendía a gratuidade dos servizos eclesiásticos, a eliminación dos confesionarios e a introdución do galego na Liturxia.

Aberto á xuventude, procurou xerar espazos que lle serviran de encontro para a discusión de inquedanzas político - culturais e para o desenvolvemento de actividades. Foi un militante comprometido coa causa labrega que en 1979 chega a ser concelleiro de Cultura en Culleredo.

Débese lembrar a historia para non repetila; e para facer xustiza a uns labregos que só esixiron o que era seu por dereito natural.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania