Reforma laboral
Editorial - lunes, 13 de febrero de 2012
Xa temos aí a reforma laboral anunciada, prevista, e por moitos temida. Feita pública a finais da pasada semana a xeito de acordo do goberno, contentou aos representantes das organizacións empresariais, disgustou aos líderes das organizacións sindicais, e preocupou á xeneralidade de empresas e traballadores polas consecuencias que vai traer consigo a súa posta en práctica.
Está auspiciada por algo tan etéreo como o que chamamos Europa, e cabe supor que contentou ás forzas que se moven no espacio da U.E. por regular un sector que se estimaba anárquico.
Xa está, pois, regularizado o mercado laboral, especialmente no que se refire á mobilidade dos traballadores, á facilidade económica para a rescisión de contratos, e mesmo para que a practica totalidade dos despidos que se efectúen sexan procedentes desde o momento en que se acepta como causa primordial da procedencia do despido en que a empresa sufra unha minoración importante dos seus ingresos, e produza perdas durante un período de nove meses.
A sensación xeral é que queda regulado o procedemento para prescindir de traballadores por parte das empresas. Pero eso non crea emprego. E a maior necesidade, imperiosa necesidade aquí e agora, é a creación de postos de traballo para reducir drásticamente a tráxica escalada de traballadores en paro.
Todas as miradas están postas neste goberno que comezou a camiñar, todos os oídos están atentos ás novas que procedan da Moncloa. Sabemos que os milagros non afectan á esfera laboral e ninguén agarda un milagro que nos libre da lacra do paro. Pero tamén sabemos todos que un goberno ten na súa man diversos e poderosos mecanismos que pode poñer en marcha para animar e animarnos ós mercados e a nós- a camiñar con maior firmeza. Eso é o que agora se agarda unha vez regulada a reforma laboral: decisións firmes que nos axuden a erguernos e camiñar. Xa!.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora