
Estimado amigo: O día 6.4.11, dirixinche escrito a propósito dunhas manifestacións túas, en canto que Delegado de Cultura da Deputación, polas que dabas conta de distintos aspectos do voso traballo a prol da recuperación de vellos valores da cultura popular, polo que amosaba a miña ledicia e expresaba os meus parabéns, ao tempo que lembraba a existencia dunha grave agresión ao que é un dos mais importantes monumentos da comarca: San Martiño de Mondoñedo, e cuxa reparación non require maior dispendio.
Vai para un ano e a miña carta non tivo resposta algunha e polo tanto ignoro o que pensas ó respecto. Un, que se recoñece home de poucas luces, confesa que non lle resulta doado entender o que os políticos queren decir cando, sen rubor, falan de democracia, de diálogo e de transparencia, verbas que a cotío teñen nos beizos. De tódolos xeitos non pensaba volver sobre o tema, se non fora que hai uns días souben.dunha importante iniciativa da Fundación Santa María la Real de Aguilar de Campo (Palencia) e o Ministerio de Educación e Cultura, consistente na catalogación de tódolos monumentos románicos, entre os que se atopa San Martiño.
O traballo é o mais importante realizado sobre o románico en Galicia, e consiste en fotografíar, describir e levantar estudos planimétricos dos monumentos definidos como románicos. Servirá ademais para desbotar os elementos de filiación discutible e incorporar outros nos que a influencia románica pasou desapercibida. Trátase, polo tanto, dunha actuación importante co fin de esclarecer a autenticidade histórica e artística dos diversos monumentos e contar cun directorio fidedigno, unha vez depurados de elementos que lles son alleos.
¿Qué pensarán de nós, cando estes técnicos e expertos, en San Martiño observen a barbarie cometida contra un monumento nacional, mais que milenario, exemplar único do pre-románico galego, declarado BIC, berce da diócesis de Mondoñedo, ex-catedral mais antiga que na península se mantén en pé, cuxas vellas pedras, en palabras de Alvaro Cunqueiro parecen labradas por mans imposibles e que pouco hai Benedicto XVI a declarou basílica?
¿Qué pensarán das nosas autoridades, que teñen a obriga moral- e legal, - de protexer, defender de posibles agresións o patrimonio cultural, material e inmaterial, e de velar pola súa conservación e integridade, cando os responsabeis provinciais, coa anuencia dos munícipes, foron executores e defensores, respectivamente, de tal desfeita?.
¿Sentirán vergoña ante a evidencia de tan bárbara actuación?
Hai uns días referíaste ó empeño en atraer visitantes á Mariña fora de època; é decir, a desestacionalización do turismo da que os políticos- de tódalas cores- veñen falando dende hai anos, (A Mariña y el Occidente astur se unen para la desestacionalización turística (12.2.05), sen nunca facer algo por ela. Pois ben, supoño que nese hipotético programa de actuacións terá papel preponderante a cultura, nas diversas manifestacións, como atractivo turístico, da que os distintos monumentos espallados pola bisbarra son primeirísimo motivo de reclamo, para o que deben ofrecer unha presencia digna.
Pode que algún día estas dúbidas teñan resposta; a que sexa. A fin de contas trátase tan só de algo ben sinxelo, de elemental cortesía.. Cordialmente, Suso Fernández
FOTO: a agresión ó monumento reflictea ben a foto coa obra dos retretes construídos a carón seu.