Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Atrancos da mobilidade de terras

viernes, 10 de febrero de 2012
O Parlamento galego aprobou o 13 de outubro a Lei 6/2011 de "Mobilidade de Terras". Os obxectivos teóricos desa Lei, dinnos, buscan conseguir unha maior dimensión das explotacións, mellorar a produción, frear o abandono de terras, evitar riscos de incendios, protexer os bens naturais e patrimoniais, soster a mellora da calidade ambiental. En abstracto, todo razoable.

A nova lei prevé un novo Banco de Terras con funcións máis amplas para actuar sobre os bens de propietarios descoñecidos, derrogando o dereito de tenteo e retracto e estimulando a incorporación voluntaria de bens ó Banco de Terras por parte dos propietarios. Isto sona ben, mais esquece o transfondo estrutural da Galicia rural, na súa maior parte atrapada aínda nun minifundio irredento.

Os datos do catastro inmobiliario rústico, con todas as reservas, indícannos algo: hai en Galicia algo máis de 1.500.000 titulares catastrais e preto de 12.000.000 parcelas nun espazo rústico dunhas 2.800.000 hectáreas. Neste inmenso labirinto, quen son ese millón e medio de titulares catastrais? Cantos e quen son os titulares absentistas, coñecidos ou descoñecidos?

Segundo estimacións da Xunta, uns 320.000 terreos non teñen titular catastral coñecido; e cunha media de 8 parcelas por titular, aproximámonos á cifra de 40.000 propietarios descoñecidos. E cantos titulares catastrais hai, propietarios absentistas ben identificados? Do millón e medio de titulares catastrais, tirando polo baixo, uns 500.000 galegos emigrantes son titulares e propietarios de predios rústicos, en xeral, de dimensións raquíticas.

A Lei de Mobilidade de Terras dá un salto cualitativo ó falar dunha posible apropiación pública, arrendo e mesmo cesión a terceiros dos bens deses propietarios descoñecidos. E que pasará cos bens dos propietarios ben coñecidos, pero ausentes? Esta é unha cuestión de fondo que a lei esquiva, sen análise nin propostas.

Dise que os absentistas agárranse ás súas micropropiedades por nostalxia ou como refuxio de seguridade; mais esa é unha verdade a medias. A perda de valor dos predios rústicos e a imposibilidade de conservalos e sacarlles un rendemento mínimo, fan que a única alternativa "razoable" sexa o abandono.

Os emigrantes ausentes non son terratenentes nin rendeiros especuladores, senón fillos de modestos campesiños que herdaron un minguado patrimonio familiar. Os seus terreos laborables con maquinaria xa están a ser mobilizados mediante o aluguer entre familiares e veciños, aténdose os prezos do mercado local sen pasar polo Banco de Terras.

Agora está a xurdir un novo paradoxo: nas zonas sen concentración parcelaria, as explotacións máis viables loitan por ampliar a súa base territorial buscando terreos grandes mecanizables nun círculo de 10 quilómetros á redonda. Esta expectativa sostén e mellora provisionalmente as explotacións, pero incrementa e continúa improdutivo boa parte do traballo campesiño que se perde nos camiños. A outra inmensa maioría de terreos raquíticos seguen atrapados nun minifundio sen horizontes de solución.

Que facer? As actuacións previstas na nova Lei de Mobilidade de Terras non serán suficientes, nin para facer xustiza ós propietarios ausentes nin para volver produtivas miles de pequenas parcelas abandonadas. Unha lei integral e integradora, máis que coaccionar e sancionar , debería incentivar tódolos resortes que empuxen á concentración de terras e montes (permutas, compra-vendas á prezo xusto, cooperativas de traballo en común, sociedades agrarias de transformación, etcétera). Mais sobre todo acelerar as concentracións parcelarias modernizadas, feitas con tódalas garantías e sensibilidades ambientais, coa rapidez que hoxe é tecnicamente posible, con maior participación do campesiñado e tamén dos absentistas.

Unha decidida política de concentracións, sen levarnos a unha nova idade media, pode resolver de raíz moitos problemas, entre eles o abandono da propiedade dos emigrantes ausentes que, de modo paradoxal, hoxe non encontran quen lles limpe a maleza dos seus predios rústicos. Onde está a organización municipal para limpar os montes e predios rurais? Que hai do aproveitamento organizado da abundante biomasa do medio rural galego? Estas son as cuestións esenciais que importan; o demais distrae.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES