Xa non son do Granada
Xiz, Xulio - miércoles, 08 de febrero de 2012
Os verdadeiros afeccionados non queren a un equipo, son dun equipo. Quizais sen darse conta, pertencen a ese equipo e non lles pertence o equipo a eles. Máis nestes tempos en que os equipos son auténticas máquinas de xenerar beneficios como industrias que son da producción de ilusión e fervor deportivos.
A miña devoción futbolística é escasa e polo que veño de comprobar temporal. Porque teño que confesalo: Xa non son do Granada. Non mo merece.
Supoño que algún tempo, de pequeno, fun do Madrid, que ata aquela miña Vilalba chegaban as novas do pentacampeón de Europa, e a falta de mellores cousas que memorizar podía repetir, e aínda agora medio século despois aquela histórica formación: Alonso, Marquitos, Santamaría, Lesmes, Santisteban, Zárraga, Copa...
Aínda agora, cando calquera dubida dos meus entusiasmos futboleiros, recito dun tirón aquela alineación que remataba con Puskas, Distéfano, Rial e Gento.
Tiña tres amores futbolísticos nestes últimos tempos que agora quedan reducidos a dous... O primeiro posto para o Racing Club Vilalbés que, aínda que teño dificultade para saber en que liga milita, é o da miña patria pequena, capital da patria chairega.
O segundo, o Villareal, onde destaca Diego López, meu amigo de Paradela, magnífico deportista e mellor persoa.
E o terceiro, ata agora, o Granada, ascendido a primeira división por Fabriciano González Penela, Fabri, co que convivín catro anos no concello de Lugo, e onde tiven proba certa do grande que é por dentro. Pois xa non son do Granada, ao que Fabri fixo o milagro de levar desde a modestia á gloria, ascendendo primeiro a segunda e logo á división de honra, e que ás primeiras que veñen mal dadas prescinden del pensando que o mérito é da directiva e non do entrenador. Non respectando as decisións dun técnico que opina que os seus xogadores poden facer moito máis, prescindindo do entrenador ao que tanto debían e deben.
Queda borrado o Granada das miñas ansias futbolísticas. E cando saiba onde vai Fabri entrenar, alí apuntarei as miñas querencias e os meus bos desexos. Que Fabri, ademáis de excelente entrenador, é un cacho de pan. E o bo pan cada vez abunda menos.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora