Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crecemento ou desenvolvemento?

miércoles, 08 de febrero de 2012
Con algunha frecuencia, oimos na televisión, ou lemos nos xornáis, algo acerca do que veñen a chamar “crecemento sostible”, unhas veces, e outras, “desenvolvemento sostible”.

Independentemente do factible do proxecto que encerran estas expresións, hai que matizar a súa semántica, posto que se isto non é unha astucia política máis, os cidadáns temos dereito a un certo rigor, a saber de que se nos está falando. Vexamos as razóns desta esixencia.

Se “sostible” fai referencia a manter o noso benestar económico, o noso nivel tecnolóxico, a nosa asistencia sanitaria, a nosa igualdade de oportunidades para a educación, a posibilidade de atender as nosas necesidades primarias e secundarias coma na actualidade; e non soamente isto, senón tamén a creación de condicións que permitan ós países pobres do mundo acadar os nosos niveis, mantendo un razoable equilibrio ecolóxico e unha conservación da natureza en grao suficiente para garantir a supervivencia dos nosos descendentes, entón non ten o mesmo sentido adxectivando á “desenvolvemento” que á “crecemento”: No primeiro caso hai un predominio do CUALITATIVO sobre o CUANTITATIVO; e no segundo ocorre exactamente ó revés.

En efecto, “desenvolverse” é tanto como actuar as potencialidades de calquera realidade; é unha emerxencia de canto encerra en si, sen que sexa mester o incremento cuantitativo dos recursos externos. Mentres que o “crecemento” implica un aumento cuantitativo destes, poñendo en tensión os límites aceptables, se non se pon en perigo a súa rexeneración ou, incluso, o mantemento. É dicir, no “desenvolvemento” priva o cualitativo, a imaxinación e o talento, no contexto en que estamos situados temáticamente. Polo contrario, no “crecemento”, neste mesmo contexto, hai necesariamente unha apropiación de recursos externos, que, como é sabido, son sempre limitados, e a súa diminución pon en perigo a vida sobre a Terra. O aproveitamento da enerxía solar, por exemplo, en comparación co agotamento das reservas petrolíferas.

Así pois, se o “desenvolvemento sostible” pode ser éticamente aceptable, o “crecemento sostible”, polo contrario, ten indubidables reparos. Certamente, todos os días estamos recibindo informacións cruzadas sobre o esgotamento dos pozos de petróleo, e digo cruzadas porque as opinións parecen axustarse máis ós intereses de cada emisor que á realidade que desvela a investigación científica ó respecto. Sen embargo, ninguén poderá contradicir a rotunda afirmación de que estas fontes de enerxía teñen límites. E nesta liña, habería que preguntarse canto combustible fósil nos queda. Hai abondo razóns para pensar, segundo algúns científicos, que non durará máis de 45 anos. Outros opinan que as cousas non dan para tanto, porque o que se coñece coma “Pico de Hubber”, o cenit do petróleo, xa o situaban no ano 2.000 e a continuación iniciouse o descenso.

Traigo isto aquí, dun traballo máis amplo, e documentado, porque desperta a seguinte reflexión: No caso dos combustibles fósiles queda pouco marxen, tanto para aplicar a semántica do “crecemento sostible”, coma a do “desenvolvemento sostible”, porque onde non hai non se pode dar (nemo dat quod non habet, decían os latinos). E o caso é que nosoutros seguimos aferrados ás nosas costumes dilapidadoras: Tempo é de que vaiamos afirmando as posturas coa responsabilidade que se deriva de non deixar en coiros ós nosos descencentes; tempo é de que perdamos as seguridades infantís, de que volvamos ó verbo “parecer” (recordan?), porque a dúbida desperta o inxenio e a seguridade irracional atrofiao; tempo é de que volvamos a botar a man daquilo que xa nos dicían os nosos devanceiros: “Non hai que estender o pé máis do que cubra a manta”, unha expresión chea de sabeduría, aínda que ben pouco orixinaria, e moi pouco respectada polos que fan ostentación dunha solidariedade de estratexia demagóxica, e recorrentemente sobada por os que pensaron alumear os espazos das solucións á crise cerrando as chaves, sen decatarse de que agora tamén eles andan ás apalpadas: os outros andaban a velas vir; estes, ás toas.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES