Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Chévere en Teo

miércoles, 08 de febrero de 2012
O día 27 de Xaneiro, Daniel Salgado publica en El País unha nova que leva o seguinte titular: Los promotores de la antigua sala NASA trasladan a Teo su compañía de teatro. Trátase da compañía Chévere que desenvolvía en Compostela unha intensa actividade cultural, e que chegou a ser un referente de vangarda dentro do panorama alternativo español.

Como toda actividade de vangarda, a NASA espertou opinións moi variadas e contraditorias, incluso chegou a sufrir o insulto e o desprezo de moitos. No entanto as actividades da NASA están publicadas na súa web, onde se pode ver distintos números de cabaré ou sketchs humorísticos.

Despois de 25 anos de actividade, a NASA pechou as súas portas, perdéndose momentaneamente o referente de vangarda citado.

Agora Chévere recibe a oferta de instalar a súa compañía no auditorio do concello de Teo, comprometéndose a estrear unha obra ao ano no termo municipal e a realizar un mínimo 24 funcións anuais e a equipar tecnicamente esta infraestrutura, segundo a nova do País. O convenio acadado parece un auténtico pacto “gañar – gañar”, xa que por un lado a compañía consegue resistir a crise, e polo outro o concello garante unha programación cultural que será cofinanciada pola Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), ao tempo que amplía a súa oferta de actividades a través de talleres de formación e campamentos de verán para nenos que Chévere desenvolverá.

Esta nova reflicte un xeito de manter a cultura en tempos de crise, considerando que tamén é unha fonte de emprego para moitas persoas que están pasando por un momento crítico. Pero débese facer unha segunda reflexión: a da necesidade de buscar formas de financiamento nas que a cultura non dependa das institucións públicas; e máis se é considerada como alternativa, xa que isto ten un custo moi elevado en canto ao que se refire á liberdade da súa actividade creativa.

Os vídeos da rede NASA reflicten unha fonda preocupación sociopolítica dos seus creadores; é fundamental seguir fomentando este tipo de cultura; cultura para facer pensar, humor intelixente e con contido que ensine a analizar a realidade dende distintas perspectivas. Isto é necesario hoxe e sempre, alén dos cambios que a sociedade poida experimentar. Pero para facelo e resistir, non se pode depender dunhas institucións suxeitas (como corresponde a un sistema democrático) a cambios ideolóxicos; xa que a dependencia sempre limita a capacidade de actuación.

Hai que saudar a iniciativa do concello de Teo, que parece que vai propiciar novamente unha estabilidade laboral ao mundo do ocio e da cultura, imprescindible nun estado de benestar. Mais o mundo do ocio e da cultura (a pesar dos tempos de crise económica que sufrimos) non pode deixar de reflexionar sobre os xeitos de acadar unha independencia económica que lle asegure o desenvolvemento dunha creatividade libre, autenticamente alternativa e non dependente dos avatares políticos.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES