Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fábula de varia xente

viernes, 03 de febrero de 2012
No derradeiro suspiro do pasado ano, e animados polo investigador e crítico Luís Alonso Girgado, viron luz dous volumes compilatorios que recuperan unha interesante produción do mindoniense Álvaro Cunqueiro, a quen celebramos abondosamente en meses precedentes por mor do seu centenario.

Os títulos en cuestión son, por esta orde, Prólogos, epílogos y otros escritos dispersos e mais Remuíño de prosas. O primeiro figura inserido na colección Fonseca de textos filolóxicos da editorial Follas Novas. O segundo constitúe a vixésima entrega dos Cadernos Ramón Piñeiro que o centro de investigación compostelán que leva o nome do intelectual de Láncara tirou do prelo en edición de Luís Cochón, Lorena Domínguez Mallo e o amentado Alonso Girgado.

Prólogos… reúne unha vintena de textos que lle foron solicitados ao de Mondoñedo como limiar ou colofón á obra de autores amigos, mais tamén algún outro escrito que se integrou en volumes colectivos de tema diverso e aínda páxinas de circunstancias.

Quen viaxe por estas páxinas saberá do verso enxebre de Daniel Pernas Nieto; a materia artúrica; a paisanaxe galega; a vida, obra e milagres de Cabanillas; a gastronomía de noso; as maxias e ultramundos que connosco son; a delicadeza da camelia; a piratería de Benito Soto; a tráxica resistencia de Pedro Madruga e mesmo a sátira sutil de Swift, a narrativa poderosa de Poe ou a magna sinfonía do verso odiseico de Homero.

Complementariamente a estes escritos en castelán, Remuíño de prosas pon por xunto aqueloutros textos que, xa en galego, foi deitando o mindoniense nas máis diversas —e por veces peregrinas— publicacións, tanto prólogos como autopoéticas para antoloxías, igual prefacios para catálogos pictóricos que conferencias ou discursos académicos, o mesmo soaregos a barallas do Tarot que horóscopos para o ano en curso.

Un material proteico e multiforme que nos revela, unha vez máis, o don de Cunqueiro para a escrita de imaxinación portentosa, onde convivían, nun atemporal paraíso fabulado, as sortes e resortes cos arcanos maiores; os versos de Moreiras, Paz Andrade, Manuel María, Díaz Jácome ou García Bodaño coas pinturas de Maside, Prego, Patiño ou Prieto Nespereira; as cantigas de Santa María e o laúde floral; o teatro do humano de Boccaccio e a gratitude polo honoris causa recibido.

Máis que valiosas, ambas e dúas obras son imprescindibles para referenciar cabalmente o corpus literario integral de Cunqueiro, que leva tempo clamando por unha edición monumental de toda a súa obra —galega e castelᗠtanto de ficción coma ensaística. O día no que esa titánica empresa editora cobre vida, Prólogos, epílogos y otros escritos dispersos e mais Remuíño de prosas serán volumes cabeceiros de consulta obrigada polos que hoxe cómpre, e moito, congratularnos.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania