
A vida componse dunha ringleira de adeuses de xente que queremos.
Co vento frio de xaneiro deixounos Xoán Corral do Restaurante Galicia de Baamonde. Pero, nestes días comprobamos que o seu espírito e enerxía non esmoreceron. A súa luz e o seu calor seguen alumeando esta vila e os peregrin@s non perderon o horizonte que él segue a abrir co seu sorriso aceso.
Foron moitos anos sementando ledicia e acollida, de todo corazón, coma el asinou os seus versos.
Baamonde é unha encrucillada que enmudeceu ás veces
Asemellaba que os camiños tornaran cegos. Pero os irmáns Corral, volveron a situalo no mapa do mundo. Xoán convertía as tardes-noites da vila nunha lumeirada máxica na que vibraban a tope todos os sentidos, nunha fervenza de gastronomía, maxia, poesía
, e tanta vida saltou ó infinito nas ás da creatividade e das artes.
Arredor del todo era xenerosidade, por iso foi gañandolle o terreo a todo sinal de morte, esquecemento, individualismo
Creou a atmósfera propicia para que sigan inzando as celebracións e a amizade, un manancial de gozo que o invade todo, que como a súa poesía ten a forza de ser inmorrente.
Acertou no guión ata no derradeiro salouco, a súa acción postrema foi dedicar o seu poemario a uns visitantes. O seguinte servizo xa foi atender a infinidade de xente sinxela e sempre amiga no banquete do máis alá, coma adoitaba convidalos na súa casa.
Con esta dedicatoria estaba a coroar e asinar a súa obra coas apertas e agarimo cos que sempre nos despedía. Aquela emoción que durou uns segundos, quedou apresada nesas palabras e en moitas outras que ten espallado polo planeta adiante, coma el sempre remarcaba.
Seguiremos sentindo vagas de humor, e percibindo a súa presenza no corazón do grupo. Envolvía en tenrura a vida cotiá, promocionando o seu entorno cunha saudade arraizada na tribo, emporiso se mantivo rexo.
Foi esta cultura, a que o axudou a orientarse e proxectarse no mundo, sen complexos, dando a cara polos valores que mamou nese ribado que sostén o eixe simbólico de Baamonde, arredor do seu monumento máis senlleiro, a igrexa románica, o calvario, o antigo cemiterio, o adro... A mesma saudade que agora racha coas distancias, e nos axuda a sentilo no medio de nós, cando compartimos a amizade, a solidariedade, as artes.