Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Blindar o social

miércoles, 01 de febrero de 2012
Nestes tempos de crise e recortes, fálase moito da necesidade de acabar co estado de benestar. De que é este o que sangra a economía. Ou de que, se seguimos nesta liña, nunca sairemos da crise. Unha crise creada e alimentada pola macroeconomía, polos grandes magnates do capital que gustan de ter nas súas mans millóns de vidas que levan pola corda.

Son os mesmos que se lavan a cara en obras benéficas que en nada axudan aos que menos teñen, e que só serven para dar un novo impulso ao seu plan de promoción persoal.

Quen defende a fin do estado de benestar, debería mirar un pouco para abaixo e ver os millóns de vidas que non dan satisfeito as súas necesidades máis básicas; mentres eles dan cumprimento a estúpidos antollos que teñen custos astronómicos, ao tempo que tiran pedras contra o tellado do benestar do que depende a vida de xente común que pouco ou nada lles importa.

Débese dicir alto e claro, que a posta en marcha do estado de benestar xerou empregos que ata agora non existían. Grazas á Lei de Dependencia, moitas persoas pódense permitir coidar dos seus sen perder a súa propia vida, é dicir, cotizando pola súa labor.

Tamén, grazas a esta lei, moitas persoas accederon a un emprego remunerado e moitas outras temos o acceso á liberdade que levabamos anos agardando. Unha liberdade que, por exemplo, nos amplía horizontes laborais. No momento que teñamos un acceso real ao emprego, tamén contribuiremos ao mantemento deste estado.

De feito, contribuír é o noso gran obxectivo vital, só necesitamos unha oportunidade. Deste xeito, o Estado sería o principal beneficiario das prestacións dadas, que regresarían ás súas arcas en forma de capital humano.

Se nós accedemos a un emprego digno e xustamente remunerado, isto repercutirá positivamente nas condicións económicas e laborais dos nosos coidadores familiares ou asistentes persoais. Co correspondente incremento da calidade de vida para nós, para os asistentes e para os respectivos núcleos familiares.

Quixera que os grandes analistas económicos e macroeconómicos me dixeran canto vale unha vida, ou mellor! Canto vale un proxecto vital. Tamén quixera que me dixeran que é a economía sen o capital humano. Que valor lle dan eles ás ilusións dunha persoa. Que significa para eles o benestar. Que parte do seu benestar están dispostos a sacrificar a prol da superación da crise.

Ou como van facer un modelo sostible no que todos teñamos unha vida plena e digna.

Hai dúas formas de saír da crise, unha favorecendo aos de sempre e castigando a aqueles que non buscamos esta situación. Neste modelo acábase o benestar e empeza a marxinación a todo aquel que é distinto ao establecido. E o resultado é unha sociedade hipócrita que non ve máis que un modelo de persoa estándar, favorecendo a satisfacción da súas absurdas necesidades.

Pero hai outro modelo de xente humilde que quere traballar para vivir, para medrar e ser feliz e que concibe o traballo como unha autorrealización persoal. Esta xente necesita apoio, o respaldo dun estado forte que vele polo equilibrio entre os que máis teñen e os que máis necesitan, un estado que converta en oportunidades de emprego aquelas actividades destinadas á promoción da vida plena dos máis desfavorecidos. Este estado pode existir se nos comprometemos con el e somos capaces de construílo xuntos.

Pero para iso é imprescindible apostar por un país no que todos teñan a oportunidade de chegar, é dicir, o apoio necesario para acceder á satisfacción das súas necesidades de autorrealización en igualdade de condicións. Esta igualdade require un amparo constante da persoa por parte do seu goberno. Xa que, como quedou demostrado, a igualdade de oportunidades no punto de partida é unha falacia.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES