Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sistemas culturais

martes, 31 de enero de 2012
Noutro lugar falamos da “crise da individualidade”. Quizabes haxa que preguntarse cando non estivo en crise. Contestar a isto supón un percorrido pola historia. Hoxe, amais dunha precisión terminolóxica, quero facerlles unha suxestión: que os sistemas culturais tamén encerran ó home e comprométeno cos propósitos, implícitos ou explícitos, que os inspiraron.

É obvio que a cultura está en estreita relación coa produción material, coa conduta social e coa mesma creación interlectual como instrumento de interpretación da realidade, que pon en acción a imaginación, o simbólico e o real do home. Así que sempre nos encontramos con tres subsistemas: material, social e interpretativo, nos que interveñen, en graos distintos, aqueles “rexistros” humanos, con predominio do imaxinativo, do simbólico ou do real, e, en todo caso, en mutua interrelación.

Todo isto é dabondo complexo coma para que o home poida evitar as ,manipulacións. E é xustamente aquí onde surxen os problemas, porque a cultura acaba ideoloxizándose. Desta maneira deixa de ser liberadora, para instrumentalizarse ao servizo dos propósitos alleos á defensa do individuo contra as tendencias “holistas”, no caso dos totalitarismos, sexan dun signo ou doutro; e para acadar cotas de racionalidade abondo críticas noutros sistemas, como é o caso dos económicos.

A creación cultural, polo tanto, serve de base para RE-CREAR unha subcultura elitista, reducionista e excluinte, con unha cosmovisión que compromete todas as dimensións do individuo, aínda que sexa cunha certa sutileza, que camufla consecuencias non desexadas, incluso, moitas veces, por aqueles que foron axentes desa operación de camuflaxe. Lembremos aquilo que dixo Marx:

Non soamente se aliena o obreiro, tamén o seu patrón, porque ambos están embarcados nun sistema que, se non se racha, enerva as accións encamiñadas a recuperar a esencialidade da persoa.

Seguramente, habería que pensar en crear condicións para que o home acabe facéndose cargo da relativización desas subculturas, e incluso das mesmas culturas, como antídoto a xeneralizada absolutización das mesmas. E aquí é onde as novas xeneracións teñen a palabra, posto que os que as creamos ou consentimos, pasiva e morniñamente, cústanos rachar estruturas que, mellor ou peor, serviron para orientar as nosas vidas.

Por outra parte, e á efectos de mera información, neste contexto, non podemos esquecer algúns conceptos que nos ofrecen os libros e revistas que abordan cuestións relativas á “socioloxía da cultura”.

Pero, principalmente, hai que evitar “sinonimizar” termos que non son sinónimos. Aquí traemos a palestra os termos “enculturación”, “aculturación”, “integración” e “inculturación”.

Por “enculturación” enténdese a aprendizaxe que fai o neno da cultura contextual de seus pais, ben sexa informalmente, ben en institucións creadas ad hoc. Incorpora así uns valores, crenzas e costumes que van a constituir o núcleo fundamental e orixinario da súa identidade persoal e social.

A “aculturación” é a mutua aprendizaxe que se produce entre individuos de dúas culturas que entran en contacto. Aquí non existe, ou non pode existir, predominio dunha sobre a outra, senón enriquecemento co acervo cultural de ambas, das que se acepta aquilo que se considera interesante nas crenzas, nos modos de interpretar a realidade, nas metodoloxías, etc.

Adoita entenderse por “integración”, en xeral, o fenómeno que se produce cando un grupo humano foi conducido ao seo doutra cultura, obviamente afastada da propia, que se vai perdendo, ao mesmo tempo que desaparece a “alteridade” do mesmo. Implica a negación do autóctono, por inmersión ou absorción no seo da cultura dominante. Xustamente por iso os nacionalismos loitan denodadamente contra o fenómeno da integración.

Por último, a “inculturación” prodúcese cando unha cultura se aproxima a outra con VONTADE de comprendela e aceptala, facendo esforzos por re-crear nela os contidos da propia, e traducindo ao seu código as crenzas, simboloxías, costumes e interpretacións da realidade co propósito de darlles tamén un sentido na allea. Surxe así un ámbito de convivencia que permite o exercicio da solidaridade.

Todos estos fenómenos poden facilitar, ao mesmo tempo, a crise da individualidade que queda comprometida coa dinámica dos mesmos, pois incluso no caso da inculturación hai, como vemos, un propósito de “re-creación”, que, sen dúbida, mainiñamente vai afectando ás individualidades da cultura á que se realiza a aproximación e incrementando o contaxio das outras.

E desta maneira, os sistemas culturais vense “perturbados” polas inxerencias alleas.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES