Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Logo de dez anos ...

jueves, 26 de enero de 2012
Aínda que pareza inverosímile, non coñecín a Xosé María Felpeto Henríquez -familiarmente Chema- deica o ano 2000. Aconteceu isto co gallo da fundación do Instituto de Estudios Chairegos, a cuxa sesión constitutiva tiven a honra de ser convidado polos promotores do mesmo.

Certamente, antes, tiña información da súa existencia, e mesmo coñecía algunhas particularidades da súa biografía, pois Ánxel, o seu irmán maior, foi condiscípulo meu durante varios e longos anos. Este referíame acotío as excelencias humanas e estudantís dun rapaz que daquela cursaba o bacharelato no Instituto Masculino de Lugo. Como non podía ser doutra maneira, referíase claro está a Chema.

Pero foi a partir do cambio de milenio cando xa tiven a oportunidade de convivir e colaborar con el no seo do noso IESCHA, do que el sempre formou parte da súa Xunta Directiva, primeiro como vogal, despois como presidente, e ultimamente, de novo, como vogal e encargado das publicacións editadas polo noso querido Instituto.

Foi deste xeito como me decatei da paixón con que desenvolve o seu labor, do fondo amor á lingua e á cultura galega, das excelencias da súa fala e da súa escrita, do seu carácter afable e sinxelo, e, sobre todo, da súa bonhomía, que se amosa, entre outras manifestacións, na entrega desinteresada aos demais.

Especial intensidade acadou a nosa relación profesional e de amizade cando escribimos un libro moi entrañable e moi querido, particularmente para el e para a súa familia: Chanot. Un pintor gaditano-vilalbés. Nel tentamos achegarnos ás venturas e desventuras dun mozo gaditano, aínda que por parte paterna oriúndo da Chaira: Xosé Chanot, o seu querido e prezado avó.

Asemade, pescudando por aquí e por acolá, fomos quen de colectar unha parte importante da obra pictórica deste artista case autodidacta, e tamén de sinalar a importancia das achegas literarias e xornalísticas que fixo á espléndida cultura vilalbesa do primeiro terzo do século XX.

Pretendo destacar así mesmo o importantísimo traballo levado a cabo por Chema, que se plasmou unha e outra vez nos sucesivos números das publicacións bianuais do IESCHA, nomeadamente no Caderno de Estudios Chairegos e en Pena do Encanto. Boletín Informativo do Instituto de Estudios Chairegos.

Non menor transcendencia ten a recolleita de fotografías sobre persoas, actividades e retrincos da vida das xentes da Terra Chá. Grazas a este labor calado de Chema, a fototeca do IESCHA, en soporte dixital, conta na actualidade cuns fondos avaliables en preto de seis mil instantáneas. Constitúen a memoria gráfica dos nosos devanceiros, que por entregas, tanto a través de exposicións como de publicacións no mencionado Caderno, se mostran periodicamente á curiosidade dos chairegos.

Tampouco quero esquecer o traballo desenvolvido por Chema como reporteiro gráfico, exercido coa súa inseparable cámara nos numerosos e sucesivos actos do IESCHA. Nós congratulámonos xa con esta achega, pero, de seguro, que o futuro será aínda máis xeneroso con ela e co tomador da mesma.

Non coincidín nunca con Chema en ningún centro docente. Xa que logo, sería unha temeridade pola miña parte facer unha valoración da súa actividade académica como mestre de Ensinanza Primaria, no comezo, e como profesor de ESO no IES Basanta Silva, hoxe.
Pero, dado o seu talante e a súa preparación profesional, sospeito
que foi excelente e proveitosa para os alumnos que tiveron a fortuna de contar co seu maxisterio.

Agora, cando se atopa na flor da vida, pletórico de entusiasmo e saúde, comeza una nova etapa: a da jubilatio. Como amigo e compañeiro do IESCHA agardo que sexa moi fecunda culturalmente e que che reporte a felicidade e o descanso, que abofé que os ten ben merecidos. Parabéns, amigo e colega, por ter alcanzada esta meta.
Novo Cazón, José-Luis
Novo Cazón, José-Luis


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES