Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O cárcere: Tan perto e tan lonxe

jueves, 26 de enero de 2012
O cárcere. Falar do cárcere é sempre unha ousadía. Habitualmente pensamos nun edificio vello, lugar de tortura e de encerro inmisericorde para os malvados da sociedade nos cales eu nunca estou incluído.

Outras veces, eufónicamente, un ‘centro penitenciario’ de alta seguridade, edificado en lugares adecuados. Quizais nos ven á mente algunha película que vimos: Celda 211, Guantánamo, Penal de San Quintín, etc.

Non vou ir por aí. Voume mover noutras coordenadas.
Primeiro de todo, antes ca todo, están as persoas. Cando entramos alí encontramos persoas. Pois vou entrar dentro e encontrarme con esa persoa concreta. Coa súa historia. Coas súas tristezas e coas súas ilusións. Moitos, absolutamente rotos. Cómpre situarme como me gustaría e necesitaría que o fixesen comigo. Sen paternalismos auto satisfactorios que non conducen a nada. No cárcere hai persoas. E eu podo ser unha delas. E os meus fillos tamén.

Iso xa me fai ver as cousas doutro xeito. Daquela xa estamos a falar de privados de liberdade. Sen etiquetas, propias doutras instancias. Quen ten que saber o lugar que ocupa son eu. Teño de facer en min mesmo unha grande catarse para independizarme e superar os prexuízos que o meu mundo e a miña ‘civilización’, os meus ordenamentos, me impoñen como dogmas absolutamente incuestionábeis. Teño de aprender de novo algo tan esencial como é o amor. Un amor que doe no fondo das entrañas, porque ese con quen estou a falar son eu mesmo. Só o amor é capaz de rehumanizarme. Aprender a profesar amor equilibrado ás persoas. Querelas. Os funcionarios tamén son persoas. E todas as familias, as que hai detrás de todos, tamén. E ás vítimas, silenciadas e esquecidas, utilizámolas. Porén, que non falen moi alto, que nos proen na nosa conciencia colectiva.

Tan perto. O cárcere prodúcese e decídese entre nós, aquí, cada día, na rúa e nas institucións diversas: Policías, xustiza, audiencias, avogados, xulgados, etc.? Mas, logo, nunca, nunca estarán cos presos alí. Non por mal, pero fican moi lonxe. Ou van en plan funcionarial. Céntranse na “causa”. Non na persoa: A lei, o xuízo, a mentira declarativa, o Código Penal, etc. É un xogo do gato e rato. Papeis. Expedientes. Sentencias tarifadas. Mas Iso non aporta ningunha salvación a ninguén, como está suficientemente argumentado e demostrado: Concepción Arenal, Montesinos, Beccaria, M. Foucault, etc.

O lixo que nós xeramos na vida diaria, os urbanitas, levámolo logo Ás Somozas, a Sogama ou a fosa Atlántica. Os cárceres, os edificios, son os lugares do “lixo humano”, que eliximos para as persoas, que no fondo nós mesmos estamos a degradar. “Yo soy rebelde porque el mundo me ha hecho así”, dicía a canción. Ao cárcere todos podemos ir.

Reencontrámolos cando volven á sociedade, cumprida xa a condena. Vémolos estigmatizados por dentro e por fóra: Xa nada volve a ser o mesmo. Nós somo o cárcere: “O inferno son os outros”, dixo Sartre. Non os queremos entre nós.

Por que cando retornan reinciden? O artigo 25 da Constitución fala de rehabilitación e reinserción. De verdade que queremos reinsertar, reinserir, a alguén? A verdade fainos libres?

O cárcere levámolo no corazón de cada un: “Que apodrezan no cárcere”. “Cadea perpetua, revisabél”, vai pedir o PP, excepto para os importantes. Predicamos, como sociedade, un odio persoal e institucional. Nós, os bos, eles os malos. Xa temos un ‘chibo´. Unha nai non pensa igual. Ve cos ollos do corazón. Por iso é capaz de rehabilitar e reinserir.

Os nosos cárceres son urbanos. A urbe xera cárceres. Por que? A urbe é disgregadora do pobre, do débil. Nós xeramos o lixo. Levámolo lonxe. E logo que fique aló e nunca máis volva.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES