Alalá polo máis alto, alalá polo máis baixo
Santalla, Iago - miércoles, 25 de enero de 2012
A semana pasada, Uxía Senlle fíxome chegar o agasallo do seu último disco Meu canto, que escoitei con detemento. Mais a escoita converteuse nun auténtico pracer, no que a concentración deixoulle paso á emoción que viña envolta en versos e sons.
Segundo a web, Meu canto é unha revisión dos temas fundamentais de 25 anos de carreira, e tamén unha abordaxe de temas novos coa única arma da súa voz, fermosa e serena que fuxe do virtuosismo exhibicionista e se fai transparente, para amosarnos unha artista madura, que comprendeu que non hai nada máis sofisticado que o esencial e que a voz é o único instrumento que nunca minte. Esta volta ao esencial de Uxía é un retorno ao atlantismo que sempre defendeu; a esa fala expresada en dúas linguas que enche de versos a maré que as une.
Neste disco podemos escoitar pezas populares da nosa terra, como A Rianxeira, que na voz de Uxía toman a dimensión do sosego.
Pero ademais atopamos novas versións dos mellores poetas da nosa literatura: Rosalía de Castro, Curros Enríquez, unha breve e preciosa cita de Manuel Antonio (que soa na voz de Carlos Blanco), Manuel María, ou os Alalás encadeados de Uxío Novoneyra que parecen ser a estrela deste traballo, considerado un dos mellores discos internacionais do 2011.
No afán da autora por establecer pontes entre ríos e océanos, ofrécenos tamén unha versión moi particular do Menino do bairro negro, que forma parte daquelas primeiras cancións de José Afonso editadas en singles entre 1958 e 1969. Os temas seleccionados teñen un forte contido social, filosófico, e por veces político. Uxía elixe letras que falan do oficio de cantar, da necesidade de vivir sorrindo e cantando como propón o soneto de Rogaciano Leite, Cantar e sorrir. Poemas de resistencia como o de María Elena Walsh, titulado Como la cigarra, e poemas que reflicten a idiosincrasia galega e atlántica de conservar a ledicia máis alá dos avatares da vida; porque se algo ten o atlantismo é capacidade de resistencia aos silencios e aos fracasos, como di o citado poema de Novoneyra, se non cantamos polo erguido asubiamos polo baixo.
Particularmente impresionoume o tema de Socorro Lira Terra minha e sua, que nunha estrofa di:
Quem já pisou neste solo e solou no violao
Muitas cançoes de ninar,
De sofrer, de sorrir, de amar...
Vai partir para breve voltar
Esperemos que Uxía siga navegando entre poesía e música. Partindo para breve e voltando para abraiarnos en discos como Meu canto, cargado de poemas e sons salgados nese Atlántico que tece, onda a onda, a nosa cultura.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora