Necesitamos ao Bloque
Xiz, Xulio - martes, 24 de enero de 2012
Se antes chave era unha asignatura que impedía o paso, agora chave é a forza que pode darlle o poder a outra, pagando!.
Xeralmente tócalle ao Bng ser chave no goberno dos concellos. Pobre papel para unha forza nacionalista que cre nunha Galicia grande e libre, porque ao final é apoiar outras forzas, aínda que o paguen caro. O Bng dalle o poder a outros, xeralmente a cambio dunha sustanciosa parcela que lle permite facer a súa política dentro dun conxunto suxeito ao seu poder de decisión.
Anda estes tempos revolto un Bloque que desde fóra parece monolítico e por dentro está formado por diversas forzas nacionalistas con diversas tendencias que parecen difíciles de harmonizar.
É tópico dicir que precisamos do Bloque para que defenda temas que moitos sentimos, aínda que quizais non con tanta vehemencia. Precisamos unha conciencia crítica para momentos decisivos; para que un bipartidismo global bloquee o sistema.
Necesitamos do Bloque, pero é dubidoso que só sexa como chave en momentos de empate. É dubidoso que deba conformarse con ser chave e non conciencia crítica; con ostentar parcelas de poder temporal cando está chamado por definición a máis grandes destinos.
A dúbida é se debe ir a por todas, ou conquistar pouco a pouco. E supoño que esa dúbida está nas complicadas loitas internas que estes días sacuden á formación. Polo que a min respecta e coido que a moitos máis, agardo que solucionen os seus problemas e xurdan renovados, envoltos na brancura / da luz que cae darriba para unha Galicia que os necesita.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora