Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Búscanse emprendedores

martes, 24 de enero de 2012
Compás social:
BÚSCANSE EMPRENDEDORES

Fai uns meses lin nos xornais galegos unha noticia que me aledou: uns 10.000 galegos que estaban no paro organizaron novas empresas de traballo cos cartos do subsidio de desemprego que recibiron dunha soa vez. Moitos deles eran profesionais con capacitación e experiencia suficiente para artellar un proxecto persoal ou asociarse con outros compañeiros baixo formas xurídicas diversas. E dicir, tiñan un limiar profesional, económico e de espírito emprendedor necesario para non quedarse simplemente parados.

Por outra banda, tamén teño noticias de que algúns concellos galegos crearon un servizo de atención os posibles emprendedores, asesorándoos sobre aspectos xurídicos, económicos, administrativos, fiscais e outros que a creación dunha empresa require. E na pasada campaña electoral tódolos voceiros dos partidos clamaron polos emprendedores, autónomos ou pequenos empresarios para saír deste enorme burato negro en que nos encontramos. En conclusión, entre outras moitas pescudas, búscanse emprendedores de base.

Dende a atalaia dun xubilado con algo de experiencia de haber organizado algúns postos de traballo e de haber contribuído a que outras persoas crearan moitos máis, esta busca de emprendedores, se vai en serio, semella algo digno de louvanza e promoción que xustifica unhas reflexións. Nas actuais circunstancias vemos con maior claridade que un traballo en condicións dignas é o fundamento práctico e sólido da dignidade e da liberdade de toda persoa.

O emprendedor de base solitario ou en grupo é, xeralmente, un soñador sen experiencia laboral, un asalariado insatisfeito, un traballador en permanente mobilidade laboral precaria ou un parado que non quere acomodarse a esa situación de marxinado social. Para saír dese cerco requírense certas actitudes: autoestima persoal, asumir riscos proporcionados, esforzo e constancia, informarse ou asociarse con outros que estean na mesma onda, intuír e buscar pequenas necesidades sociais e fitar a posibilidade de darlles resposta nun determinado espazo rural ou urbano.

Delimitado o campo e o punto de saída, encomezará unha loita en múltiples frontes: afinar a propia capacitación profesional o máis posible; dispoñer duns mínimos recursos económicos, superando o reto dos bancos que esixen o triplo ou cuádruplo de garantías que o valor do préstamo a solicitar; medir con máximo realismo as posibilidades de vender o produto ou servizo que se quere ofrecer; sopesar as obrigas burocráticas e fiscais coas administracións públicas, sempre prestas a esixir antes de dar; milimetrar os riscos, pois nos comezos un só paso en falso pode deixar o emprendedor máis abaixo do que estaba. Estas precaucións son de sentido común.

Agora unhas preguntas prácticas: dada esa perentoria busca de emprendedores de base, ¿quen son, en Galicia e no resto de España, os grupos mellor equipados para que xurdan na base social esas persoas con iniciativa empresarial? Cales son os campos onde esa dinámica pode e debe organizarse? En teoría, no amplo espazo rural galego, por exemplo, vótase de menos unha transformación dos produtos agrarios, gandeiros e forestais in situ. En calquera recanto da xeografía galega hai excelentes produtos artesanais derivados das materias primas de cada comarca, mais ofrécense só para un pequeno mercado local, sen produción industrializada que aproveite o potencial dispoñible e sen proxección máis aló das reducidas fronteiras dunha bisbarra.

Que falla aquí? A iniciativa emprendedora? Penso que non é esa a cuestión crucial, senón que o nó gordiano está na falta dun asesoramento adecuado para decisións tan complexas e na carencia de canles comerciais organizados para chegar a mercados máis amplos. Ambas cuestións están relacionadas coas funcións e responsabilidades das Administracións Públicas que, moitas veces, actúan e gastan os cartos burocraticamente sen analizar onde están eses nós de estrangulamento que deben cortarse mediante actuacións estratéxicas. Ademais da transformación dos produtos agrarios, gandeiros e forestais, calquera cidadán que olle a Galicia rural dende fóra ou dende dentro ten a impresión de que todo está a medio facer: o coidado do patrimonio natural e cultural, os servizos a infancia e a terceira e cuarta idade, as infraestruturas de ocio e turismo, as telefonías e telecomunicacións rurais, etcétera. Aí están estas canteiras de traballo esperando, tanto os emprendedores de base como a outros de estratos sociais con máis posibilidades, tanto de orixe local coma foráneos.

¿Quen son, pois, seguindo co exemplo proposto, os galegos rurais ou outros procedentes de espazos urbanos mellor equipados para ser emprendedores de base? De moitas formas xa se ten dito que son os universitarios, os estudantes de formación profesional, os autónomos individuais con larga experiencia para dar o salto a unha empresa de socios ou de asalariados; os emigrantes retornados en boa idade e con experiencias laborais e algúns recursos económicos; as mulleres a quen a lexislación actual lles abre novas posibilidades; os inmigrantes sempre dispostos a sacrificarse e probar sorte; os profesionais parados con formación, larga experiencia práctica e algúns recursos económicos para empezar de novo. Todo este potencial humano en Galicia, desafortunadamente, foi moi pouco orientado e promocionado durante demasiados anos.

No eido dos autónomos e profesionais con longa experiencia e coñecidas habilidades pero insuficiente titulación, resulta esperanzador e novidoso que, feitas as probas oportunas, se lles recoñeza un título oficial adecuado para que poidan facer certificacións profesionais e asumir maiores responsabilidades no sector laboral no que se moven. Para que todo este engrenaxe de emprendedores arranque a gran escala, é necesario que as microempresas individuais, familiares ou de asociados teñan, máis que subvencións, exencións durante un período suficiente de tempo para poder consolidarse.

Se todos queremos combater o paro, temos que ollar o horizonte, tódolos horizontes para discernir posibilidades e formas. Deixo fóra destas reflexións ós emprendedores das medianas empresas, das empresas públicas, dos oligopolios e das multinacionais que, obviamente, poden aportar tanto moitos problemas coma moitas solucións; mais todo iso require un fiado moito máis afinado e complexo.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES