Vilalba literaria
Xiz, Xulio - viernes, 20 de enero de 2012
O Belén de Begonte, co gallo do Nadal, ten organizado, en colaboración co Grupo Fonmiñá, unha exposición de fotografías sobre o Nadal, que xa se veu en Lugo, Begonte, Outeiro de Rei, Guitiriz e Cospeito. E agora en Vilalba, na casa da Cultura.
Quíxose facer unha mostra fotográfica na que se vise este tempo do ano do xeito máis diverso, e acudiuse a destacados fotógrafos lucenses que plasmaron en imaxes os fenómenos climatolóxicos ou os adornos navideños, a soedade da xente ou as imaxes dun belén... unha visión moi ampla dos temas do Nadal.
A mostra viña de Cospeito para Vilalba, e aló fun levala, que nestes casos hai que predicar co exemplo de participar, e nas dúas entidades culturais o Belén de Begonte e o Grupo Fonmiñá son dúas boas mostras de entidades culturais- hai que facer de todo, e os membros das directivas estamos precisamente para poñer da nosa parte todo o que sabemos facer. E eu fun transportista.
Como o tempo non era moito, deixei os cadros e volvinme para Lugo, non podendo ir ver a miña Porta de Cima, da que xa me dixeron que está precisamente para ser vista.
Vilalba acabará sendo se non o é xa a capital literaria da
Terra Chá, non só polos creadores literarios que en Vilalba hai ou de Vilalba proceden, senón tamén polas instalacións culturais que se están creando.
Dunha parte, polo Paseo dos Soños que parte do Muiño do Rañego ata a Magdalena, e cada cen metros ten un monumento dedicado a un dos grandes das letras da Terra Chá, figurando Manuel María, Paco Martín, Xavier Puente Docampo, Agustín Fernández Paz, Darío Xohán Cabana e Xosé Manuel Carballo.
Pero agora sei tamén que a xa peatonal Porta de Cima, a miña rúa de nacencia e de vivencia, ten uns paneis con textos de escritores chairegos, dos que me teñen falado pero que non teño contemplado por vista de ollos como dicía Xaquín Lourenzo, e xa me apetece contemplar.
En fin, que a próxima vez que vaia a Vilalba, geño que ir dar unha volta pola Porta de Cima para ver como se homenaxea aos nosos escritores na rúa precisamente onde vivíu Carmiña Prieto Rouco, unha das grandes das nosas letras.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora