Está a individualidade en crise?
Rubal, Pedro - jueves, 19 de enero de 2012
Recordo que un ano os Reis Magos trouxeron ós españois tres millóns de teléfonos móbiles (tres!). A nova era para felicitarnos, porque evidenciaba unha certa prosperidade e o adorado móbil viña a cubrir unhas necesidades xeradas na nosa época. Pero o caso é que esta nova tiña unha matización: Os destinatarios eran, maioritariamente, adolescentes, e os pais xustificaron esta compra porque así podían controlalos mellor. E o que era motivo de satisfacción, en canto a cobertura de necesidades, convertiuse en opinión, en preocupación.
Primeiro, porque non podíamos comprender como poden os padres controlar ós fillos mediante as chamadas telefónicas nos móbiles.
Segundo, porque xa é dabondo preocupante que os pais non poidan ter nunha razoable marxe de confianza nos seus fillos, ata o extremo de verse obrigados a realizar controis desa clase. Por aquel entón, viñeron ó meu maxín dúas cousas: a ineficacia da formación por parte dos proxenitores, recoñecendoo implícitamente eles mesmos, e a hipocrisía á hora de xustificar unha compra innecesaria e xeradora de gastos continuos, realizada baixo a presión dunha cultura economicista e esclavizante que non nos atrevemos a confesar. É, certamente, a cultura do que se leva, do que está ben visto, do que fan todas as familias
Todo isto púxome en evidencia a aceptación ACRÍTICA dunha orde cultural consumista e dilapidadora, inducida pola propaganda que despregan os medios ao seu servizo. Pero hai aínda algo moito máis preocupante: a perda do sentido da vida, da propia individualidade, da mesma felicidade, á que confunden cando consideran ó entretemento coma manifestación da mesma.
Xa dixo o xesuita Ignacio Ellacuría, desgraciadamente asasinado no Salvador, ilustre filósofo e teólogo, que a cultura debe ser, ante todo, liberadora. Liberadora de ignorancias, de temores, de presións internas e externas, en busca dunha apropiación dunha verdade cada vez máis plena e dunha realidade cada vez máis plenificante (
). Hai en todo o mundo unha tremenda imposición cultural, que universaliza dende centros poderosos a visión e valoración do mundo cos máis distintos medios comunicativos (Mysterium Liberationis, Ed. Trotta, 2ª edición, Madrid, 1.994; páxina 438, V.I)
O home, que tanto loitou a través dos tempos para defender a súa individualidade persoal, está abocado de novo ó anonimato e á perda da súa iniciativa e espontaneidade, arrastrado polas tendencias holistas dos nosos tempos, e ninguneado polos sistemas organizativos que xeran.
A este respecto, emerxe un fenómeno de matiz social, político e económico que resulta especialmente relevante: Ao mesmo tempo que o poder político, que, democráticamente, é do pobo, se debilita e diversifica, os poderosos do mundo crean eficacísimos instrumentos de globalización, mediante as fusións de grandes entidades bancarias, a creación de oligopolios e de multinacionais, que se escapan ó control dos poderes políticos, comprométenos, debilítanos e condiciónanos.
O cidadán, a persoa humana, queda nun espazo vital, social e cultural, vacilante entre ambos poderes, impotente para facerse oir e facer eficaces as súas opinións e iniciativas, se non concordan coas pautas de conduta que lles impoñen aqueles, cerrándoos nos seus macrosistemas organizativos (exemplo: os indignados nos programas de goberno dos grandes partidos, silenciando as súas reivindicacións?!).
Isto estudouno D. José Ortega y Gasset en La rebelión de las masas, e advertiunos do perigo que traía consigo, para a dignidade do individuo humano, a difusión das ideas holistas, porque atacan a súa iniciativa e espontaneidade e ameazan a nosa civilización. L Dumont, nas páxinas 30 e 31 da súa obra Ensayos sobre el individualismo (Alianza Editorial, Madrid, 1.987) dí: O totalitarismo expresa de forma dramática algo que sempre volvemos a encontrar no mundo contemporáneo: que o individuo é, por unha parte, todopoderoso e que, por outra, está perpetua e irremediablemente ameazado do seu contrario.
Velaquí, de novo, a nosa individualidade en crise. Sexamos, polo menos, realistas e non queiramos enganarnos co cebo dun certo benestar económico, pois de como isto opera temos boas mostras na actual crise económica e, en grande parte, ética.

Rubal, Pedro