Bens de interese cultural
Editorial - miércoles, 18 de enero de 2012
Ata agora, cando se falaba dun BIC, Ben de Interese Cultural, falábase dun monumento: dun castelo ou igrexa, dunha mamoa ou dun castro, de algo tanxible existente na nosa xeografía, avalado polos séculos e pola historia. Desde agora, haberá que matizar o tipo de Bic de que se trata, porque ven de ser declarado como tal o conxunto da obra de Castelao, que se está formado por innumerables obxectos tanxibles, na súa totalidade é algo intanxible porque reflicte o paso polo mundo do primeiro galego do século XX, e a influencia que en todos nós, en todo o país, exerceu o seu pensamento e a súa obra.
Trifulcas políticas aparte, parécenos que o país goza de mellor saúde desde o momento en que oficialmente considera que os bens de interese cultural non teñen porque referirse en exclusiva a monumentos de pedra, incluso a algo físico e tanxible, senón a unha totalidade imposible de delimitar e que, sen embargo, calquera galego pode coñecer o seu volumen, a súa expansión, a súa transcendencia.
Son ben de interese cultural os debuxos, óleos ou gravados, litografias, murais, apuntes en fin que están nos museos de Pontevedra e Lugo, no Museo do Pobo Galego ou na Fundación Penzol, en Nova Caixa Galicia ou na Biblioteca Nacional. Pero tamén o son os manuscritos e as diversas edicións de Os vellos non deben de namorarse e Sempre en Galicia. Son ben de interese cultural a súa máquina de escribir ou a mascarilla que lle fixeron no seu pasamento, que está no Centro Galego de Bos Aires.
É ben de interese cultural o seu pensamento, a súa memoria, e proba de que é verdade non só oficialmente- é a reverencia que todos os galego gardamos, mesmo os que nada saben da súa vida e do seu sentir- polo seu papel de representante da dignidade dun pobo, peregrino á forza nun exilio do que só volvería moito despois de morrer.
Calquera pobo necesita referencias, pilares, basamentos non só físicos senón intelectuais e morais. A maior rererencia, o pilar máis firme, o basamento máis enraizado a obra de Castelao xa é un Ben de Interese Cultural, propiedade última de todos os galegos.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora