O vilalbés Fraga
Xiz, Xulio - martes, 17 de enero de 2012
Para Galicia, hoxe é o segundo día de loito oficial polo pasamento de Manuel Fraga Iribarne. Para Vilalba, esta declaración ten un especial significado por tratarse dun fillo desta terra, á que ten dedicado as mellores loubanzas, e á que sempre demostrou a mellor das querencias.
Para os vilalbeses, Fraga foi primeiro o fillo de Manuel Fraga Bello, oriundo de Cospeito, que fóra emigrante en Cuba, e á volta afincou en Vilalba onde chegou a ser alcalde.
Unha lenda urbana vilalbesa afirma que Manuel Fraga non era o máis inteligente ou preparado da familia, senón que o aventaxaba amplamente o irmán que morreu de mozo na Pena de Miguel. Aínda así, desde os tempos de estudiante eu coñecín compañeiros de estudos que afirmaban que destacaba polos seus esforzos, intelixencia e coñecementos.
Aos alumnos da Academia, a comezos dos anos sesenta, don Daniel Ferreiro poñíanos a Fraga como exemplo de estudio ao que debíamos parecernos, afirmando que aínda daquela estudiaba catorce horas diarias.
O certo é que desde que hai sesenta anos accedeu á secretaría do Instituto de Cultura Hispánica ata a súa morte aos 89 anos, demostrou ter o Estado na cabeza e ser un home de Estado que protagonizou unha moi importante parte do tránsito hispano dunha dictadura á democracia, comezando por aquela Ley de Prensa e Imprenta, denostada por moitos pero que resultou ser un paso decisivo para sair do mouro tunel no que a información estivo en España durante décadas.
Como Ministro de Información e Turismo propiciou a chegada a España de millóns de turistas que revitalizaron a economía e indirectamente, pero de xeito importantísimo- nos foron abrindo os ollos cara a realidades exteriores tan diferentes da nosa.
Pero o que nos ten que chamar máis a atención dos vilalbeses é que ningún vilalbés que se achegase ao seu despacho, fose onde fose o seu despacho, e indicase a procedencia, quedou sen atender. E que cando a Vilalba chegaba, desaparecía o político e aparecía o vilalbés. E cando era máis novo, collía un caiado e ía pasear cara a Lanzós por onde a súa familia tiña curros e fincas.
En Vilalba, para a maioría da xente, tiña unha autoridade natural, e conseguira un respecto e admiración derivados da súa trayectoria, independentemente do cargo que exercera en cada momento. E mesmo cando non desempeñaba cargo oficial, tiña un especial status conseguido por dereito de convivencia e trato.
A súa anual presenza nas festas do San Ramón foi marcando o ostensible deterioro dos últimos anos. Nos case corenta anos que levo como secretario do xurado do Certame Literario de Vilalba e presentador do acto de entrega e pregón das festas, acredito que en poucas ocasións estivo ausente. O 2011 foi unha delas, como preludio da definitiva despedida neste comezo do 2012.
Como herdanza deste destacado vilalbés, a Vilalba quédalle a Fundación que leva o seu nome e os esforzos que durante toda a súa vida fixo Fraga para colocar a nosa vila no mapamundi polìtico e social onde chegaban as súas palabras.
Descanse en paz, Manuel Fraga Iribarne, vilalbés que honrou a súa vila, home de Estado, que soubo exercer tarefas da máxima responsabilidade para rematar lixeiro de equipaxe co xeral recoñecemento mesmo dos seus adversarios politicos polo especial papel xogado a prol de España, de Galicia
E de Vilalba.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora