Plan para a Administración
Editorial - viernes, 13 de enero de 2012
O Fiscal Superior de Galicia ven de instar ás Administracións públicas que poñan en marcha un plan de Xestión de Riscos de Corrupción e Infraccións conexas para prever antes que lamentar os casos de corrupción na Administración.
Co plan preténdese que as accións xudiciais que se emprenden contra determinadas instancias funcionariais para xulgar e castigar comportamentos inadecuados non sexan as únicas que se emprendan, sempre a posteriori, senón que toda acción que se poida efectuar a priori evite que se produzan casos delictivos ou incorrectos.
Se algúns casos de corrupción se producen por ignorancia ou inadvertencia, está ben a proposta do Fiscal para advertir a todos os funcionarios de riscos e conductas inapropiadas que convén contemplar desde o momento en que calquera funcionario con poder de decisión entre na Administración.
Claro que a Administración necesita moito máis para conseguir unha modernización e racionalización do aparato inmenso de servizo público, precisamente neste momento crítico onde o privado e o público están separados por unha linea roxa que ten que ser perfectamente perfilada para delimitación dos campos e recoñecemento mutuo.
A Administración ten que ser planificada e polo tanto racionalizada, estudiadas as necesidades e o funcionamento, as dotacións de persoal e o funcionamento deste persoal, profesionalizando os diversos estratos, unificando os sistemas de acceso á administración e ás súas diversas categorías.
Un Plan anticorrupción é unha parte das necesidades da Administración. A Administración, as Administracións, precisan un Plan xeral serio e profesional que as libere da dependencia das discrecionalidades dos políticos, e a acomode ás necesidades e esixencias dun país moderno de comezos do século XXI. É unha necesidade imprescindible e urxente. A ver quen se atreve a afrontala.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora