Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A discapacidade, un día máis

jueves, 02 de diciembre de 2004
O tempo pasa tan rápido que non é fácil titular as celebracións sen repetirse. Aínda que repetirse sería o de menos. O preocupante é que, no 3 de decembro de 2004, as reivindicacións seguen sendo as mesmas. Sobran exemplos ilustrativos.
A discapacidade necesita un novo tratamento. Representa un factor máis da diversidade da sociedade. Hai que ver a discriminación como única. Tan importantes son os subtítulos como as ramplas; polo tanto, a loita debe ser conxunta. É necesario cambiar esa conciencia de modelo médico que identifica as persoas discapacitadas como pacientes. En definitiva, trátase de normalizar a diferencia.
Non podemos seguir enganándonos. Se en lugar dunhas escaleiras viramos un sinal que dixera prohibido o paso a persoas discapacitadas de seguro que molestaría. Sen embargo, seguimos preguntando polas partidas orzamentarias que, cada exercicio ordinario, deben contemplar os entes locais para a eliminación de barreiras en edificios e rúas antigas. Cómpre compensar as limitacións funcionais do individuo para que poida levar unha vida activa en igualdade de oportunidades e respectar así os seus dereitos.
No sector da discapacidade, a falta de traballo afecta catro veces máis que no resto da poboación. Non deixa de ser curioso que tendo as taxas máis altas de desemprego, xere tantos postos de traballo. Ata podemos falar do negocio da solidariedade que cada vez move máis diñeiro con pouco retorno para as persoas con discapacidade. O movemento asociativo con estructuras asalariadas e asumindo a xestión de servicios non debe considerarse o único representante e interlocutor. Hai outras maneiras de pensar.
Neste ano estase a traballar nunha Lei de protección das persoas en situación de dependencia. Reivindicamos o cambio de nome para que desapareza a palabra dependencia. É unha maneira moi sutil de discriminar. O uso de terminoloxía inadecuada inflúe na forma de pensar e prexudica nunha cultura que non acepta a limitación como unha característica máis do ser humano. A filosofía da Lei debe contemplar que as persoas discapacitadas teñen dereito a ser os actores da súa propia vida e non escravos das súas limitacións. Con máis ou menos dificultades, pero tan dignos. Unha vez máis, os políticos quedáronse curtos e non chegan ao noso día a día. Aínda temos que actuar de vixiantes dos lexisladores.
Non se comprende que, ano tras ano, teñamos que reivindicar inclusión. Coma se non foramos xa cidadáns. Mentres se fale de discriminación, aínda que sexa positiva, non hai igualdade. A opción de poder vivir como os demais non existe. Nunha sociedade de triunfo, de pracer, de aparencias... todo o que non sexa guai inspira medo e rexeitamento. É fácil deducir que as persoas con discapacidade se consideran desde outros parámetros. Supoño que lembran os pasados xogos olímpicos. Pois uns días máis tarde inaugurábanse os paralímpicos. Chama a atención o silencio informativo e o pouco recoñecemento social aínda sendo España o 7º país, con 71 medallas.
Temos que convencernos de que o problema non radica na discapacidade, senón na resistencia da sociedade e na pasividade da administración á hora de aportar os recursos necesarios para compensala. Demandamos algo tan simple como igualdade nos dereitos básicos. Hai que promover a transformación da sociedade no seu conxunto. Non valen argumentos en contra. Traballamos por un mundo para todos. Non nos esquezamos de que ou temos algunha discapacidade ou podemos chegar a tela. A diferencia só está en que algúns xa temos o certificado.

Colectivo AdianteXa
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES