Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Adeus a Isaac

lunes, 09 de enero de 2012
Con mala nova comezamos a xornada. Un querido amigo, compañeiro da tertulia que celebramos cada mañán, foi quen nos díu a noticia: finou Isaac Díaz Pardo. Dada a súa idade ésta non podía sorprender, pero ocorre que hai persoas de tan fondo calado na sociedade que, chegada a inexorable hora do pasamento, a reacción espontánea resulta pouco menos que de incredibilidade.

Non vamos facer exaltación algúnha da personalidade de quen é sobradamente coñecido e por moitas capas da sociedade admirado. En todo caso xa o temos feito, desde estas páxinas, cando menos en dúas ocasións, con ocasión de serlle concedidas as Medallas de Ouro de Galicia e a do Mérito nas Belas Artes, suxerindo o oportuno dunha homenaxe conxunta dos concellos mariñáns, como recoñecemento ós indubitables méritos do insigne intelectual e empresario.Pero xa se sabe o que pasa cos políticos cando de marchar unidos se trata…

Lembrábamos en ambos comentarios a positiva e transcendental incidencia que a obra de Isaac tivera, e ten, para a vida social, cultural e económica da Mariña, así como o prestixo que Sargadelos significou, e significa, para a bisbarra, que ten nel un dos seus primeiros atractivos turísticos, mesmo nese obxetivo, tan cacarexado, da desestacionalización turística que ó remate quédase en pura demagoxia, pois nunca os nosos gobernantes nin colectivos mais afectados fixeron ren por acadalo como, por outra banda, nos teñen acostumados.

Neste repaso a voapluma do carisma de Díaz Pardo permítanos, lector amigo, unha alusión persoal. Coñecimos a Isaac o ano 1971. Artellábamos nós a primeira edición do que foi un exitoso acontecemento: a Feira de Arte Popular de Galicia (nominación suxerida por él), que ofrecía o atractivo inédito naqueles tempos dos artesáns traballando á vista do público. Era evidente que a presencia de Sargadelos, que non levaba mais dun par de anos cos seus productos no mercado, sería dun beneficioso impacto.

Presentámonos a Isaac, a quen non coñecíamos, e expuxemos a nosa intención ó tempo que solicitábamos a súa colaboración e asesoramento. A resposta foi de inmediato positiva: o seu fillo Xosé diseñou o cartel e a firma participaría cun stand que era, coido lembrar, a primeira vez que o facía nun certame desas características, para o que, ademais, dotouno dunha instalación ad hoc.

A partires daí mantivemos unha relación cordial que co tempo voltouse entrañable e épocas houbo nas que, sempre por razóns puramente culturais e sociais, os nosos encontros foron mais frecuentes e intensos.

Isaac Díaz Pardo foi investido Cabaleiro da Orde do Mariscal Pardo de Cela pola Asociación O Mundo de Galea, nunha xornada inesquecible, cunha memorable intervención de Isaac que tivera por marco a Torre de Alfoz. Quédalle a este cronista a honra de ser partícipe activo na iniciativa e hoxe sente a mágoa da perda de quen, sendo personaxe único e irrepetible, foi entrañable amigo.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES