Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Chegada do mar (Conto do Nadal)

jueves, 05 de enero de 2012
Na casa había moito movemento de potas e lumes onde se amañaba a cea da Noite Boa.

Andrea saíu a pasear co seu pai, recorrendo a longa praia, mentres a tarde ía caendo a modiño e a lúa ensinaba a súa cara detrás dos penedos onde penduraban algunhas folerpas de neve.

As ondas debuxaban na praia siluetas caprichosas. Mentras a pequena correu tras elas intentando pillalas. De súpeto, unha onda encrestada arrastrou á praia unha caixiña de latón vello. Na cara da nena quedou reflectida unha mirada de sorpresa, un tanto aturdida ante aquela aparición. E sen moito pensalo, exclamou: “Papa, mira, un tesouro chegado do mar”. O pai colleuna da man e achegouse ao cofre e, con moita cautela, comezouno a abrir.

As mans da pequeña tremeron de emoción e de estupor.
“Papa - dixo Andrea- son figuriñas do Belén. Mira, un rei mago, unha nai co seu neno, ¡ah!, un anxiño, e aquí, o rei Herodes. ¡Fíxate, veñen acompañadas dun papeliño!”. Abriuno e dicía: “Agardo que estas figuriñas cheguen un día ao seu lugar de orixe: O Belen de Begonte.

Un día viaxei dende un lugar moi afastado para coñecer este Nacemento tan fermoso da Terra Cha. Quedei tan abraiada que nun intre, cando todo estaba en penumbra, collín unhas figuriñas para desfrutar paseniñamente da súa fermosura.

Pasado un tempo, caín na conta de que elas non tiñan vida, se elas non estaban no seu ámbito. Por iso, pensei que un día, alén do mar, alguén as levaría a Begonte, para que poidan disfrutar da razón para as que foron creadas. Graciñas. Agardo velas un día no Belén chairego”.

Andrea abrazou as figuriñas perto do seu corazón dicíndolle ao pai: “Mañá, día de Nadal, iremos levalas ao Belén de Begonte.”

Chegou á casa, onde xa estaba preparada a mesa para comer, na sala grade. A nena non daba soltado as imaxes que chegaran da outra banda do mar, contando a súa viaxe peregrina. Lembrou a toda a familia as emocións da súa ida ao Belén e dicía: “Recordo cando cheguei ao centro cultural, abriuse a porta e de súpeto, o mundo pequerrecho do pobo de Belén en Begonte, púxose a andar. Os serradores, con moita pacencia, facían o seu traballo sen parar nin un chisco; os carpinteiros estaban a conversar unha longa historia; aló máis adiante, na casiña onde sae o fume da chimenea, uns veciños comparten as historias que foron contadas polos seus antergos; as lavandeiras míranse nas augas que podían ser as mesmas do Ladra.

¡Ai!, Lembrome dos lóstregos que parecían mesmo reais, e da neve nas montañas, e cando menos o esperabas, un anxiño percorría o ceo estrelado.

A luz do alpendre levoume os ollos a descubir ao neno Xesús cos seus pais, e a pesar da pobreza que tiñan, radiaba neles a felicidade.

Na noite, o castelo de Herodes manifestaba o medo dos que gardan os que non teñen bondade no corazón.”

Xa me tardaba que nacera o día para levar as figuriñas ao que un dia foi o seu fogar.
Todos se quedaron abraiados logo de escoitar a nena.

De cando en cando, entre bocado e bocado, faladurías e sorrisos. Andrea botáballe unha mirada a aqueles pequenos personaxes que acurrucaba nos seus brazos.

Foi durmir, e soñou con anxiños que xogaban entre estrelas prateadas, correndo ao longo dunha paisaxe entre cores verdes e azuis, mentres se perdían entre as árbores para anunciarlles aos pastores a chegada do Príncipe da Paz.

Cando abriu o día, toda a familia foi para Begonte e Andrea levaba a súa caixiña como ouro en pano.

Chegaron á casa do Belén e ao entrar, o sorriso encheu a cara da pequena.
Ela mirou fixamente para os personaxes que agardaban a chegada dos seus amigos, que pola súa ausencia foron botados moito en falla.

A rapaza exclamou: “Xa estou aquí”. E puxo en primeiro lugar o rei Herodes, apartado dos demais, pechándoo no seu Castelo e díxolle: “Quédate no teu mundo e non fagas máis mal”. Despois pousou o rei Baltasar preto do portal, mirou para os outros dous e díxolles: “Agora xa podedes estar contentos”. Deulle un bico á nai que tiña no seu regazo un neno e exclamou: “¡Aí tes a túa xente. Sigue vivindo e gozando neste Belén!” Mirou con un guiño o anxo e colocouno preto dos pastores, e moi baixiño faloulle: “Lévalles a todos a mensaxe da paz”.

Andrea fixouse no pendello onde estaban os pais e o neno Xesús e comentoulles: “Agora podedes celebrar con moita festa este Nadal”.

A nena mirou para todo o entorno: as ovellas gozando da súa liberdade, os esquíos a correr polo monte e os parrulos mirándose no lago no que un pequeno home manexaba a súa barquiña.

Puxo os seus ollos na muller que fiaba a la e sorriron os oleiros que traballaban nos seus cacharros. Fóronselle os ollos para os soldados de Herodes que mirou con rabia.

Colleu da súa man os seus pais e exclamou: “Ímonos, estou contenta porque deixei en Begonte o seu tesouro que recollín do mar.”

Andrea sintiuse feliz xa que se decatou de que na vida real, como nas xentiñas do Belén de Begonte síntense felices cando comparten os seus gozos e ledicias vivindo en convivencia harmoniosa, xa que, illadas do seu entorno, non teñen vida e pensou: “Ogallá continúe atopando regalos fermosos como as figuriñas do Belén de Begonte.”
Aquela noite, soñou que as pequenas imaxes do Belén estaban de festa e de gran algarabía.
Escourido Basanta, Xosé Román
Escourido Basanta, Xosé Román


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES