Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha proposta para apostar polo Rural

miércoles, 04 de enero de 2012
O día 26 de Decembro apareceu publicada no portal desta casa unha nova co seguinte titular: “Las provincias de Lugo y Ourense perderán más de un 7% de su población hasta el año 2021, según las previsiones del Instituto Galego de Estatística”.

A nova relata que as áreas máis prexudicadas pola caída son: Lugo Oriental cun 15’7% de descenso e as do Carballiño - Ribeiro cun 13’3%. Os territorios con peores previsións son: Ferrol, Eume e Ortegal, na Coruña; en Lugo, ademais da área urbana, están en risco A Ulloa, Meira e a Terra Chá; e por último, en Ourense, perigan A Limia, a Baixa Limia, Celanova, Verín e Viana.

Na Fonsagrada, Os Ancares e Sarria os maiores de 65 anos serán catro veces máis ca os menores de 20. O envellecemento é máis acusado en Chantada, Quiroga e na Terra de Lemos, que no 2021 terán un 25’8% de poboación en avanzada idade.

Con estes datos na mesa, débese pensar en dous aspectos: na necesidade de fixar poboación no rural e na necesidade de crear servizos de atención á poboación envellecida. É obvio que estes dous aspectos están intimamente ligados, xa que a principal causa de abandono no mundo rural é a falla de servizos. Isto non exclúe que se teña que falar doutras causas como o prezo do leite, a excesiva burocracia imposta aos donos de explotacións gandeiras e a ínfima marxe que deixa esta actividade, que apenas lles permite vivir.

É impensable que no rural haxa calidade de vida tal e como están as cousas. Boa proba disto, é que ningún labrego desexa que a súa actividade teña relevo xeracional, e todos procuran para os seus fillos mellor sorte.

Sen o rural non somos nada. En cambio uns e outros dedícanse a afundilo, a vivir da suor de quen día a día loita por sobrevivir. Digo sobrevivir!, porque cada vez é máis complicado facer un proxecto de vida nun sector sometido a constantes cambios que a miúdo nos levan a peor.

É imprescindible xerar servizos no rural, crear oportunidades de formación, empezar a facer cultura dende abaixo e sementar inquedanzas intelectuais. É imprescindible que os habitantes do rural deixen de ser cidadáns de segunda que pagan impostos de primeira. É imprescindible que a xente con mobilidade reducida deixe de estar illada por mor de condicións xeográficas. E é absurdo que un Estado chamado Social permita que a calidade de vida das persoas dependa da zona que habitan.

Apostar polo rural é xerar servizos nel, darlles aos nenos as mesmas oportunidades de recibir educación formal e non formal, fomentar a vida social entre os nosos maiores, coidar dos traballadores do agro que precisan tempo para desconectar e relaxarse (como calquera persoa) e procurar a reciclaxe, no lugar de orixe, daquelas persoas ás que lles resulta inviable continuar coa explotación gandeira.

O sector servizos ten no mundo rural todo un campo de desenvolvemento, e quizais sexa este o derradeiro chaleco salvavidas para o noso agro.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES