Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Falemos do tempo (II)

lunes, 02 de enero de 2012
FALEMOS DO TEMPO (II).
(Continuación)

Seguindo cos AGORA da liña do tempo, penso que non é difícil comprender que, aínda que se consideran coma “puntos”, diferéncianse dos do espazo. Nun espazo xeométrico, por exemplo, os puntos dunha liña están ENTRE outros, isto é, teñen unha ESTANCIA na liña, mentres que os “agora” non están, senón que pasan. Introducindo un termo horrendo poderíamos dicir que teñen PASANCIA: O punto no espazo “estᔠentre outros; o “agora”, como punto temporal, “pasa”, “transcorre”.

Se recordamos a referencia que fixen ó “agora-presente” no artigo anterior, intúese que é un punto inquedo, porque anda sempre de viaxe: “ven-de” (un pasado) e “vai-a” (un futuro), é un viaxeiro en continua transcorrencia. Así o expresa Zubiri coa súa habitual precisión, dicindo que a unidade do tempo non é unidade de copulación (non hai copulación de puntos, coma no espazo), senón de transcorrencia, posto que cada “agora-presente” é un AGORA-DE-A, é dicir, un agora aberto ao pasado (DE) e ao futuro (A). E, se nos detemos a pensar un pouco nisto, deducimos:

1.-Que o “agora-pasado” non sería nada sen o “agora-presente”, xa que é neste onde se fai actual aquel. Dito doutra maneira: O “pasado” éo por referencia ao “presente”.

2.-Que co futuro ocorre o mesmo, pois queda actualizado como “despois” do presente.

3.- Que ó “agora-presente” non se lle engade (non está copulado a) un “agora-pasado” e un “agora-futuro”, un ANTES e un DESPOIS, senón que o “agora-presente” é un “agora-despois” (do pasado) e un “agora-antes” (do futuro) en si mesmo considerado. Zubiri exprésanolo así: “Cada AGORA-PRESENTE non se limita a ESTAR-ENTRE os demais agoras, senón que é un AGORA-DE-A”, como xa se dixo.

O lector entenderá moi ben que o ano 2000 da nosa era é un momento puntual na liña temporal do Universo, que non “separa” nada, senón que une “transcorrentemente” un “antes” e un “despois”, con independencia da métrica que lle foi asignada.

En consecuencia, todo canto se lle atribuiu carece de fundamento, non só á nivel físico, senón tamén ao metafísico, por moi ilustrados que foran os milenaristas e os agoireiros de turno. É certo, iso si, que se pode falar das cousas no seu aspecto temporal, do CANDO das cousas.

Decátense que dixen “das cousas”, porque nada ten que ver este “cando” coa liña do tempo: Trátase dunha certa respectividade, relacionalidade, (temporal, iso si!) dunhas cousas coas outras.

Realmente non consiste tanto en que as cousas estean no tempo, canto que estas sexan “temporeas”, que elas mesmas teñan esta cualificación. Seguramente podemos preguntarnos se as cousas son “temporeas” porque están no tempo, ou se están no tempo porque son “temporeas”. Ímos véndoo.

Non hai que considerar primordialmente numérica a colocación temporal dun suceso calquera, porque esa colocación faise, antes de nada, dunha maneira CUALITATIVA, que é o que serve de fundamento a expresión numérica. Explícome: Adoitamos dicir, por exemplo, que nos “reuniremos ó anoitecer”, non necesariamente ás vinte horas; que “nos veremos mañá pola mañá”, non necesariamente ás sete; que acudiremos ao paseo “cando cese este tempo tan malo”, etc. É xustamente o que quere dicirnos Zubiri cando di que antes dunha “crono-METRÍA”, hai unha “crono-LOXÍA”, antes dunha “medida” do tempo hai un “logos”, unha “razón” do mesmo, un algo cualitativo, que precede ao cuantitativo.
Por outra parte, a realidade cósmica non está só DESPREGADA no tempo.

Os “sucesos cósmicos” tamén se pode dicir que ABARCAN un tempo, ou que ESTÁN CONDICIONADOS polo tempo, ou que son ETERNOS, etc. É que as relacións das “cousas” en canto “temporeas” adoptan moitas modalidades. Sen embargo, todo isto acostumamos a pasalo moi por encima, aínda que non sexa difícil descubrilo nunha análise do tempo, coma o que estamos facendo, a nivel vulgar. O mesmo nos ocorre cando confundimos SIN-CRONÍA, non de dous reloxos, por exemplo, senón de dous tempos, con SIMULTANEIDADE, se dous ou máis sucesos ocorren “dentro” do mesmo tempo. Porque non se sincronizan nin os sucesos uns cos outros, nin os sucesos co tempo, senón, como expresa o mesmo termo, só tempos (SYN, en grego, tradúcese por CON, e CHRONOS, por tempo). Zubiri, na súa obra, “Espacio, Tiempo y Materia”, Alianza, 1.996, Madrid, na páxina 253, expresao así: “el tiempo no es un envolvente universal de las cosas, no es algo absolutamente en ningún sentido; carece de toda realidad sustantiva. No es sino mera respectividad posicional fásica de todo proceso transcurrente y la sincronía de estas respectividades es el tiempo universal cósmico”.

Xa é tempo de que as xentes deixen de crer nas profecías dos agoireiros e milenaristas!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES