Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O milagro da Milagrosa (Lugo)

miércoles, 28 de diciembre de 2011
Lugo non superou cara a fóra a barreira da muralla ata finais do século XIX, e moito tempo despois a denominación “Lugo” estaba reservada para o recinto amurallado, e a xente da Milagrosa, de Lamas de Prado ou Camiño Real non hai moitos anos que decía “Vou a Lugo” cando acudía ó centro da cidade.

A Milagrosa ven de cumprir medio século como parroquia, que é a unidade básica de poboación que temos en Galicia. Somos parroquia na Milagrosa, por encima de calquera outra consideración, que se no rural sempre foi a unidade de xurisdicción e convivencia, aquí non se fixo máis ca trasplantar a fórmula.

Nos anos setenta deuse en pensar que parroquia eran todas as de Lugo, e A Milagrosa debía definirse doutro xeito supostamente superior. E demos en chamarlle Distrito. E mesmo hai un Distrito Bar funcionando desde hai moitos anos, que responde ás ánsias dun tempo que ao final foi pasando e hoxe fálase da Milagrosa como unidade, sen mencionar o seu carácter administrativo, político ou relixioso, porque xa está perfectamente consolidada como entidade vital.

Pero medio século para unha cidade é pouco tempo, e habitamos unha zona moi nova, como se desprende do que dicía Cunqueiro hai arredor de medio século: “Desde San Fernando e A Nova contémplanse as chairas, as terras chás luguesas, que se dilatan cara Castro e Outeiro de Rei, que son terra Chá propia”. Agora, subindo á Muralla, desde San Fernando só se pode ollar o mar urbano da Milagrosa enchendo o horizonte.

Que esta zona foi rural ata non hai moito tempo ten a maior referencia coñecida no nome de Agro do Rolo. No programa de festas da Milagrosa deste ano, Manola Montes Vila que vive na residencia da rúa da Unidade, e declara ser unha moza de 82 anos, lembra que o propietario da casa do Agro do Rolo era do Vilardón, onde tiña casa e fincas, e en Lugo a casa que deu nome á zona, en Julia Minguillón esquina Milagrosa, onde tiña dúas billas de auga na parede da casa e os veciños acudían con porróns para levala aos seus fogares.

A Milagrosa rural tivo que estar sempre vencellada a Lugo, e aquí repercutirían os acontecementos que a cidade protagonizara. E cando os árabes mandados por Muza, no 714, sitiaron a cidade amurallada, situándose nos arredores, tivo que ser por aquí, o terreo máis alto dentro do promontorio da cidade.

Fóronse os árabes, e houbo un tempo de paz con Odoario, pero deseguida viñeron os normandos que entraron pola costa, chegaron a Lugo e arrasaron as murallas. Tiveron que entrar polo acceso noroeste da cidade, pola Milagrosa. E xa que Otero Pedrayo dixo de Lugo que “a cidade radiante atrae os camiños”, hai que ter en conta que un dos principais camiños a Lugo era o do finis-terrae. O camiño da fin do mundo pasaba pola Milagrosa.

Proba de que este era un lugar de paso obrigado, dánola Adolfo de Abel en “Personajes reales en Lugo” cando conta que o príncipe Juan José de Austria, fillo de Felipe IV, foi recibido oficialmente no Castiñeiro lucense o 17 de agosto de 1668. As autoridades chegaron deica Outeiro de Rei para recibir ao ilustre visitante. E no Agro do Castiñeiro, unha compañía ao mando do capitán Juan de Gayoso disparou unha salva de benvida.

Amador López Valcárcel, en “Estampas lucenses”, menciona a existencia da Cofradía da Milagrosa na parroquia de San Froilán, e que en 1942 se fundou na Carretera da Coruña, a Capela do Perpetuo Socorro, xermolo desta parroquia. A primeira pedra da igrexa colocouse o 23 de febreiro de 1946, polo impulso de don José Fernández Núñez, o primeiro soñador dunha personalidade propia para esta zona, que vendo as graves carencias educativas creou unha escola nocturna obreira, logo unha de nenas, e por fin mercando dúas casas na Avenida, unha escola de tres grados, que entraron en funcionamento os anos 1947, 1949 e 1955.

No 1951 comeza o culto na igrexa como filial de San Froilán. A parroquia naceu o 31 de outubro de 1961, por un decreto do bispo Ona de Echave. O 17 de novembro, José Varela España é nomeado párroco, e toma posesión o 2 de decembro.

Don José Fernandez morreu en 1963. Nunca foi párroco da Milagrosa, e non volvería á súa igrexa ata 2004 cando Manuel Mariño, párroco e o bispo Frei Xosé entenderon como na parroquia se entendeu sempre que don José Fernández debería vir desde o seu Outeiro de Rei natal á Milagrosa para durmir o sono eterno dentro dos muros da igrexa coa que tanto soñou e pola que tanto fixo. Os seus restos descansan agora nun frontal da capela da Virxe do Perpetuo Socorro, como era o seu desexo.

Os maiores do barrio lembran a don José Fernández como un santo varón que fixo todo o traballo aínda que non disfrutou da gloria de poñer en marcha a súa parroquia. Nado en Outeiro de Rei en 1896, ecónomo desde 1942 de Albeiros-San Froilán e párroco desde 1951, era tio do poeta Manuel María. E O Manuel, que tiña devoción polo seu tío, era un home relixioso por contaxio, por exemplo do crego que o acolleu en Lugo nos tempos nos que veu estudiar a esta cidade.

Cando no comezo de setembro desde A Milagrosa chamamos á festa da nosa Virxe, non só responden entusiasmadas as xentes que vivimos desde a Avenida da Coruña ao Castiñeiro, desde Lamas de Prado a Garabolos senón que toda a cidade sente a necesidade de acudir á Milagrosa. Porque desde aquí a vida flúe cara ao centro da cidade amurallada... como desde hai milenios fluíu a auga.

Os romanos cando apousaron en Lugo buscaron auga no lugar máis alto para que, polo seu propio peso, chegara ao centro da cidade. E fixeron un acueducto do que aínda existen as bases na praza da parroquia ou na mesma praza de San Marcos. E cando o Bispo Izquierdo quixo dotar á capital lucense de auga suficiente, acudíu ó Castiñeiro, e desde alí aproveitando os restos do acueducto romano, levouna ás fontes do centro da cidade, facendo que o Cura de Fruíme lle escribira un poema agradecido:

“Y ya que para los brindis,
materia estás ofreciendo,
a tu salud, Izquierdo, beba Lugo,
y mientras beba Lugo, viva Izquierdo!”.

A auga é un símbolo. Desde a Milagrosa a Lugo vai a auga, e aí está o topónimo “Cañería” para acreditalo. Pero tamén van mensaxes, invitacións, desexos... E o centro de Lugo recibe e reacciona, e vólcase na Milagrosa nas feiras e nas festas. ¿Qué eso non é un milagro?... Xa o sei, pero neste caso é un xeito de falar, e cando queremos explicar algo verdadeiramente notable –como é a repercusión da Milagrosa na totalidade social de Lugo – decimos que é un milagro. Se así non é, é algo especial, que chama poderosamente a atención.

Pero, quen somos nós, os milagrosistas?. Moitos naceron aquí, e aquí os seus devanceiros tiveron a súa pequena patria. Pero non esquezamos que a maioría da Milagrosa hai medio século eran fincas de labor. Os máis, viñemos de lonxe.

Un dos que veu de lonxe, o académico poeta Darío Xohán Cabana, en tempos residente en Lamas de Prado, no seu libro “A Fraga Amurallada” descríbenos á perfeccións aos que viñemos de lonxe:

Naceramos no val ou no alto monte
onde o vento nas árbores cantaba
e o reiseñor das albas pregoaba
a gloria do regueiro e máis da fonte.
Amabamos o fúlxido horizonte,
a fraga mesta que o poeta gaba
e as pradelas en flor e a terra brava,
montesía e xangal morada de onte.
Mais un día viñemos e arraigamos
nos arrabaldos novos, ¡oh cidade!.
e pisámosche as rúas empedradas,
e agora somos teus e ben te amamos,
e ás vegadas tamén temos saudades
das terras atrás nosa abandoadas.

O que pasou é que os que viñemos traíamos uns costumes que non perdemos.

Neste país, ducias de aglomeracións urbanas, de aluvións humanos, téñense convertido en barrios dormitorio, sen vida propia, vindo dormir a elas para traballar e convivir fora. Aquí, primeiro foi a igrexa antes que a organización da parroquia; había poboación, e necesitaba un lugar onde acollerse espiritualmente. Este foi o soño e a loita de don José Fernández. E a Milagrosa primeiro foi barrio e logo parroquia. E agora, unha parroquia especial, con vida propia dentro da cidade de Lugo.

Eu visitei a igrexa no 1969, hai corenta e dous anos, nun dos meus primeiros traballos xornalísticos para o xornal Ideal Gallego. Todo estaba empezando, pero xa daquela era a Milagrosa unha zona especial, e por iso vin falar co párroco, para entendelo e explicalo.
Contoume Varela España que cando comezou a parroquia, da igrexa había só as paredes; que o primeiro bautizo se fixo nunha palangana; que os primeiros tempos foron dunha improvisación absoluta. Pero a traxectoria parroquial era imparable. Na igrexa, nas rúas e nos milagrosistas. Se agora hai crise, Varela España hai 42 anos cavilaba “Todo o fixemos coa axuda dos fieis, pero con esto da conxelación, comprendendo que a situación económica non é demasiado boiante, abstémonos de pedir, xa que a xente ten bastante con vivir”.

Aquel ano, a “milagrosa” campaña de Nadal tiña como puntais
básicos: a Operación Kilo, encontro de futbol entre a Milagrosa e o Lugo, festival músico vocal e a colecta na parroquia. Xa daquela, a S.C.D. Milagrosa que presidía Manuel Pardo Casanova, tiña nada menos que 300 socios.

E pasaron cincuenta anos, e agora apreciamos o milagro. Porque o milagro é a vida. A vida foi a que xenerou e xenera o milagro.
Os milagros que coñecemos son accións que non encaixan na lóxica, nas leis naturais, evidenciando unha intervención superior.

Tamén lle chamamos “milagro” a outros feitos producto da acción dos humanos, que obteñen resultados sorprendentes, como o “milagro alemán”. Se falamos do milagro da Milagrosa, falamos do milagro da vida de pobo – de parroquia- nunha zona con personalidade propia dentro da gran urbe que é Lugo cos seus cen mil habitantes. E a Milagrosa ten equipo de fútbol propio, club ciclista, e festas que rivalizaban coas da capital da provincia. E unha praza onde concentrarse. E un movemento veciñal dinámico, encontros de escritores, feiras de productos do campo, e milagrosistas de honra para sobrancear a xente que destaca no barrio ou na preocupación polo barrio. E pode que non lle chamemos parroquia, porque sigamos pensando no barrio ou pretendamos ser distrito, pero somos parroquia cunha igrexa branca que nos identifica, unha torre con ampla sonoridade, e rúas cheas de vida.

Imos de viños pola Milagrosa, e ás veces de feira, e sempre recoñecéndonos pola rúa. E bautizando na Milagrosa os novos membros das nosas familias, facendo nela comunións, confirmacións, casando. E despedindo nela aos nosos seres queridos. Falamos da Milagrosa e pensamos na igrexa, na parroquia e na xente. E concluímos que os tres conceptos –igrexa, parroquia e xente- son exactamente o mesmo.

Cando falo de milagro na Milagrosa falo de marabillas pequenas que resultan ser moi grandes para as dimensións nas que nos movemos os humanos, e máis nestes tempos nos que parece que se concitan todos os elementos para “uniformarnos”. Resistirse a eso é un milagro, porque é ir contracorrente.

Estamos diante dun milagro do que todos nós fomos testemuñas no decurso dos anos, e do que todos nós fomos, consciente ou inconscientemente, actores, autores. Porque soubemos manter a individualidade como parroquia, dentro da xeneralidade. Porque non perdemos as nosas especiais características de xentes apegadas aos demais. Porque o aluvión que nos trouxo non deixou polo camiño (como cantos rodados no curso medio dun río) parte das nosas conviccións, da nosa vida. Daquelas terras da nosa procedencia trouxemos o xeito de ser, crenzas, costumes, a nosa personalidade. E ao apousar aquí, nesta terra de promisión, podemos ter saudade “das terras atrás nosa abandoadas” pero temos o orgullo da terra que xa é nosa, e aquí conseguimos ser “milagrosistas”, facendo da Milagrosa algo especial e diferente, nun milagro osmótico que fomos asumindo e contaxiando a todos os conveciños.

O milagro somos nós, é a nosa vida; é conseguir estar vencellados polos lazos establecidos pola parroquia soñada por don José Fernández, e “traballada” por milleiros de persoas que por pura intuición sabemos o que queremos: unha unidade humana onde a humanidade se respira sempre.

Jose Antonio Ferreiro Varela, o actual párroco, citaba a Shakespeare hai pouco para afirmar que “o pasado é sempre un prólogo”. Polo tanto, remata aquí o prólogo longo e froitoso das terras da Milagrosa, para comezar verdadeiramente a historia. A historia que nos corresponde a todos, e aos que veñan despois de nós. Porque na medida en que consigamos que o milagro continúe, que o espíritu milagrosista perviva, teremos parroquia e estaremos facendo xustiza e homenaxe a todos os que conseguiron o milagro de hoxe.

Feito o milagro, a seguir. Porque milagros coma este hai que facelos realidade todos os días. E non podemos agardar que os demáis ou a providencia consigan que este milagro se repita cada día. Este tipo de milagros só podemos facelo cada un de nós. E estou seguro de que o imos seguir facendo, porque o máis difícil está conseguido. Noraboa a todos polos nosos milagrosos primeiros cincuenta anos.

Xulio Xiz.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES