Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Falemos do tempo (I)

martes, 27 de diciembre de 2011
De que tempo?. A mesma pregunta implica a equivocidade do termo “tempo”. Decimos, por exemplo, que “estes días fixo mal tempo”, que “fulano xa ten moito tempo”, que, en Física, o “espazo é igual a velocidade polo tempo ó cadrado”, é dicir, que non está de máis que ordenemos un pouco o concepto do TEMPO. Non é fácil, pero ímos a ver.

Estamos xa no ano 2.011. O nacemento do 2.000 estuvo precedido por unha chea de comentarios e augurios, que por iso non deixaron de ter a súa graza, uns, e outros foron dabondo desconcertantes para este noso “tempo”. Parece coma se algunhas xentes perderan, nuns días, os máis elementais coñecementos dos que se servían para os quefaceres cotiáns.

Pero, por suposto, non vou a escribir acerca disto, aínda que me sirva de estímulo e disculpa para facelo sobre o “tempo”. Non esperen aprender moito máis do que sabían, pero imos aló a ver se somos capaces de ordenar un pouquiño a semántica do termo.
“Quid est tempus?”, xa se preguntou Santo Agustiño, en “Confesións”, Lib . IX, Cap. 17. “Quis hoc facile breviterque explicaverit?” (“Quén podería explicalo fácil e brevemente?”. Aínda que acadar que unha cousa sexa fácil e breve parece non pouco pretensiosa, a pregunta segue dabondo gallarda no comenzo do terceiro milenio, porque quizabes poidamos seguir dicindo aquilo que tamén dixo Agustiño: “Si nemo ex me quaerat, scio; si quaeranti explicare vellim, nescio” (“Se ninguén me pregunta, seino; pero se quero explicalo a quen me pregunta, non o sei”).

Para ordenar os conceptos, Zubiri arranca da descripción do tempo tal e como adoitamos entendelo todos, logo avanza nun estudo estrutural do mesmo, destacando aqueles caracteres que lle son propios, e, por último, establece como as cousas, dalgunha maneira, determinan a estrutura do tempo. Penso que se despuxéramos deste modo os conceptos, evitaríamos algunhas das opinións aberrantes sobre o tempo.

Pero falemos da “idea” que acostumamos a ter do tempo. É conveniente facelo así, porque o home antes de posuir un coñecemento científico ou filosófico da realidade, calquera que esta sexa, arranca sempre do que sabe por coñecemento vulgar, e incluso hai epistemólogos que pensan que os outros tipos de coñecemento non son outra cousa que o vulgar sofisticado. Non vou entrar nisto, claro.

Polo tanto, recuando ao noso tema, comezo dicindo que o tempo aseméllase a unha liña continua, cuxos puntos son os AGORA do pasado e do futuro, unidos por o AGORA-PRESENTE. Estos “agora” son considerados por nosoutros coma irrepetibles: Os do pasado xa non volverán (prescindimos das teorías do “eterno retorno” e do tempo cíclico), os do futuro aínda non chegaron e o “agora-presente” xa se nos vai das mans. Coma toda liña, esta ten tamén a súa propia dirección, pero dunha maneira fixa: vai dun ANTES a un DESPOIS, con relación o “agora-presente”, e é irreversible, é dicir, non hai posibilidade (a este nivel vulgar do coñecemento) de que os “agora” do pasado cheguen a corresponder ao futuro. Para que o lector me entenda: Non podemos comprender que o Descubrimento de América sexa un suceso do futuro, dende este agora.

Outra evidencia vulgar e común é que o tempo pode medirse, sempre entre dous momentos, aínda que non vemos moi claro se esta medida é algo que corresponde ó tempo coma unha propiedade radical do mesmo; máis ben dubitámolo, porque cando medimos facémolo con base no espazo: O reloxo mide o tempo, pero percorrendo circularmente espazos. E se nos paramos un pouco a pensalo, ata é posible que cheguemos a descubrir, por nosoutros mesmos, que o tempo ten unha certa modulación CUALITATIVA, antes que cuantitativa.

Certamente, porque hai un ANTES e un DESPOIS, é polo que podemos medir a “súa separación”, e non ó revés, isto é, non hai un “antes” e un “despois” porque medimos, senón que medimos a separación entre eles. Zubiri di, con admirable precisión, que “toda CRONOMETRÍA fúndase nunha CRONOLOXÍA previa”.

É sabido que Einstein afirmou que a métrica termporal non é ABSOLUTA, senón RELATIVA aos sistemas de referencia, o que equivale a dicir, noutro nivel do coñecemento, que a medida non ven aquí fixada pola natureza do tempo, senón por certos sucesos “dentro” do tempo, tomados como referentes.

Así pois, o ano 2000, tan cacarexado, da nosa era non se corresponde en absoluto co 2000 doutra era. Por iso, máis que falar do “e-fecto 2000”, habería que falar do “de-fecto do antes” (do dito ano). (Continuará).
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES