Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ven don Benigno, ven valedor, ven salvador!

jueves, 22 de diciembre de 2011
Os que se chaman cristiáns andan agora polo Nadal enganando á xente. Fálanlles dun Mesías. Andrómenas! Non temos máis mesías que o Divino Don, Don Benigno! Non vos deixedes enganar. O único salvador é Don Benigno, o des-Valedor do pobo.
Por fin! Agora si que podemos dicir que é Nadal. Apareceu o señor, o que quita, o que arrinca, o que borra o pecado de Galiza. Ven, non tardes, señor! Ven, salvador!
Eu confésome pecador e agora sei por ti que no pecado me concibiu a miña nai. Deume un apelido ‘propio’ da Galiza: Freire. Que noxo, meu Divino Don Benigno. Non só iso: Aprendeume a falar en galego. Os pecadentos din que é o propio de aquí. Blasfemia! De lesa divindade! Menos mal que vés ti, salvador, redentor: Oh Divino Don Benigno!
Nin Estatuto, nin nacionalidade histórica, nin himno, nin bandeira, nin xeografía nin historia, nin Caixa, nin Nova, nin lingua, nin linguaxe. Galiza non ten nada propio. Foi embargada e vaise proceder ao desaloxo e despoxo inmediato.
Eu, o Divino Benigno, Autor, mestre e único interprete auténtico da única e válida lei, humana, divina ou dos avernos, así volo fago saber, coa anuencia do voso Presidente o Excelentísimo Don Feijoo e os seus anxelicais corifeos.
Ollo! Don Benigno non apareceu por xeración espontánea. Vén precedido polo israel santificador que preparou os seus camiños: UPyD (Un Profeta y Divino). El está xa entre nós e nós non somos quen de desatarlle as cinchas da súa capa de súper Star.
Un pequeno pregoeiro, Jesús, (o Vázquez), anuncia a boa nova. Escoitádeo! É el! Don Benigno, O Don, o Don Divino! El, é quen nos di solemnemente:
O meu reino non é deste mundo: Galiza non existe de seu. Foi expropiada. E todo canto tiña foi botado ao refugallo. Eu, xuíz divino, entendido na Lei e nos Profetas pronuncio o veredicto: O galego non é lingua propia da Galiza. Queimemos todos os libros que tal poñan como xa fixo o pregoeiro Jesús, (o Vázquez), hai un ano cos libros de texto en galego.
Non dades aprendido. Sondes un pobo testán e ruín, de dura cerviz. Debiades ter moi claro o que xa fica gravado nas escrituras: Se de “Galilea non pode saír algo bo”, referíndose a Xesús, (non ao Vázquez), como é que pretendedes agora vós que a Galiza sexa de máis categoría, por moito que argumentades que tendes na orixe a raíz ‘Gal-’?
Da raíz ‘gal-’ non deriva como propia a palabra ‘galego’. Nin como adxectivo e moito menos como substantivo. Só como adverbio ou interxeción despectivos: Galego! Ex.:Galego tiñas que ser!. Da raíz gal- , no senso nobre, só deriva: Castellano.
Non dades aprendido. Xa volo dixo esa preciosa profetisa Rosa Díez, cando se referiu a don Mariano Rajoy. “Es muy gallego en el sentido peyorativo de la palabra”. Parece ser que ese é o único senso que temos os fillos desta terra.
E tamén a concellala de ‘La’ Coruña que suprimiu os conxuntos musicais autóctonos para no hacer unas fiestas demasiado gallegas. Eran só tres ou catro. E iso que o seu pai, dixo ela, criouna en galego.
Aí tendes un exemplo. Esa aprendeu. Babiáns! Que sondes uns babiáns! A vós haivos que falar coma Paulo aos da Galacia, que tamén teñen a raíz gal-: Oh necios e estúpidos gálatas!
Na ‘miña’ Gramática castellana, (1951), había esta poesía: “España se nos moría a golpes de hoz y martillo, pero Dios mandó a salvarla a Franco nuestro Caudillo!
Nós só queremos ao Divino Benigno que, coma Franco, apareceu: Por la G. De Dios, como rezaban as patrióticas pesetas. Ven, ven, non tardes! Oh, Divino Benigno!
Eu teño claro, que mentres non esborranche dos meus xens maternos, do meu ADN, do meu correspondente DNI, o apelido Freire, nunca poderei pertencer ao teu reino, Divino Benigno. Piedade de min, Divino Benigno!. Teño pecado orixinal: Son galego. E son propio da Galiza. Son Freire. E así me vai.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES